Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno provincial a deixar de mentir para xustificar a súa mala xestión, como fixo ao dicir que se rescindía o contrato da residencia de Portomarín por causa dos prazos

A Real Academia Española pon este exemplo para ilustrar o significado de “posverdad”, é dicir, da “distorsión deliberada dunha realidade, que manipula crencias e emocións co fin de influír na opinión pública e en actitudes sociais”: “Los demagogos son maestros de la posverdad”. Pois demagoxia e posverdade se deron a man no argumentario utilizado polo goberno provincial no pasado pleno para aclarar as causas polas que se resolveu de mutuo acordo o contrato para a construción de apartamentos tutelados en Portomarín. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Non se pode admitir que o goberno dunha institución tan importante como é a Deputación de Lugo minta, e que o faga dobremente, para desmontar outra mentira, como fixo o señor Pablo Rivera  fronte ás acusacións que o PP efectuou polas mentiras do señor presidente no momento en que nunha rolda de prensa anunciou a resolución do contrato coa segunda empresa  que debería construír a residencia de anciáns de Portomarín”.

 

Castiñeira declara: “No seu momento o PP denunciou que o presidente mentira en canto as razóns para a resolución de mutuo acordo dese contrato; a razón, segundo o señor presidente, era o prazo, e non era así; na documentación de que dispuxo o PP vese que a causa do desacordo foron os prezos. Ante a acusación do PP, o que fixo o señor Pablo Rivera foi chamar mentiroso ao voceiro do PP por ter feita dita denuncia”.

 

Os populares explican que no pleno presentaron unha pregunta sobre este tema “e a resposta foi que non existe ningún documento nese expediente que certifique que é o prazo o motivo, senón as discordancias económicas”.

 

Feitas as aclaracións reseñadas, o portavoz popular da por “selado este asunto”, pero pide ao goberno da Deputación” que respecte a todos os lucenses, que non dea esa imaxe de que se pode corrixir unha cousa cunha mentira”. Castiñeira avisa de que “para denunciar isto está o PP e para que os veciños saiban que non se lles está contando a verdade, especialmente os veciños de Portomarín que levan moito tempo esperando polo inicio das obras e novamente se van retrasar polas discrepancias económicas entre a empresa e a Deputación de Lugo”.