Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba solicita a comparecencia do goberno local para explicar as decisións tomadas sobre a mobilidade e a zona azul no casco urbano

O Grupo Municipal Popular de Vilalba esixe a comparecencia do goberno, a través da alcaldesa ou do concelleiro no que delegue, para aclarar certas cuestións en relación aos problemas de mobilidade no casco urbano que provoca prexuízos a veciños, visitantes, empresas e comercios.

 

Os concelleiros do PP agardan que o goberno local explique a data prevista para a aprobación do Plan de Mobilidade e que facilite aos grupos da oposición os informes técnicos nos que di que se amparan as decisións tomadas recentemente. É o caso da rúa da Pravia “onde o goberno do PSOE impuxo de forma unilateral modificacións no tráfico sen consultar aos afectados”. Os populares insisten en que “este caos” se debe á improvisación do goberno no tocante á regulación da circulación viaria.

 

Tendo en conta que fai dúas semanas comezaba o pintado da zona azul para o estacionamento de vehículos en rúas do centro da vila, os populares instan ao goberno local a “explicar aos veciños cando se vai poñer en marcha, o seu horario, como se vai xestionar e que método se vai empregar para o control do seu estacionamento”. Ademais, se a zona azul está incluída no plan de mobilidade, queren por que o goberno local leva a cabo a súa implantación sen aprobar o plan de mobilidade.

 

Accesos ao aparcadoiro da rúa das Pedreiras e dos da zona rural

Tamén en relación ao aparcamento de vehículos, e máis concretamente sobre a zona habilitada a carón do auditorio municipal, os populares instan ao goberno local a habilitar entradas evitando desprazamentos innecesarios para acceder. Do mesmo xeito, sinalan que “o auditorio alberga actividades que, en ocasións, requiren da mobilización de gran cantidade e volume de material pesado”. É por iso polo que o Grupo Municipal Popular insta ao Concello de Vilalba a permitir aos grupos que actúen no Auditorio o estacionamento provisional para vehículos, como autobuses e furgonetas, facilitando así a mobilización do material necesario para a súa actuación”.

 

A voceira popular, Sandra Vázquez, sinala que “son moitas as demandas que nos trasladan os veciños e, entre elas, atópanse as relacionadas coa necesidade de arranxar as zonas de aparcamento público preto de cemiterios, campos de fútbol, campos das festas ou casas escola das distintas parroquias do municipio”. É por iso polo que no pleno deste xoves lle esixirán ao goberno local acondicionar estas zonas para mellorar a accesibilidade.

 

Árbores da alameda e actualización da páxina web

“A alameda e a Praza da Constitución contan con diversidade de árbores que debemos protexer e coidar, dada a historia de cada un deles e tamén o valor simbólico doutros: castaños de indias, magnolios, o negrillo situado ao carón da casa consistorial con gran valor sentimental e outras plantas que fan de corazón verde en pleno centro urbano”, destaca a voceira.

 

Os populares preguntarán, polo tanto, de que informes técnicos e ambientais dispón o Concello e que decisións tomará o goberno local para solventar as deficiencias; xa que “co paso do tempo se fai visible o deterioro en moitas destas plantas sendo necesaria unha actuación inminente para evitar danos persoais ou materiais”.

 

Por outra banda, o Grupo Municipal Popular instará ao goberno a actualizar, corrixir erros e incoherencias na páxina web do Concello de Vilalba “para evitar confusións a aqueles cidadáns que a empregan como porta dixital, medio de información e tramitación das dilixencias do día a día”.