Partido Popular de Lugo

Castiñeira: “No PP estamos abraiados despois de ver no pleno da Deputación a PSOE e BNG xustificando que o ministro Garzón continúe no Goberno”

Socialistas e nacionalistas, por máis previsibles que son as súas reaccións fronte ás propostas populares, teñen demostrada unha inesgotable capacidade para sorprender coas súas xustificacións para dicir non a canta iniciativa presenta a oposición. Ocorreu de novo no pleno do pasado martes; inexplicablemente, evitaron criticar as declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, nas que puxo en dúbida a calidade da carne producida en España. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “No día de onte vivimos un feito inaudito no pleno da Deputación de Lugo: o PSOE  e o BNG lucenses xustificando ao señor Garzón; si as manifestacións do ministro de Consumo do Goberno presidido por Pedro Sánchez. Garzón, por un lado, leva meses dicindo que se debe comer menos carne, o que prexudica seriamente  ao sector gandeiro lucense; por outra parte, pon en dúbida a calidade da carne española, galega e lucense que se exporta a todo o mundo, co conseguinte prexuízo para o sector”.

 

Para Castiñeira, “é verdadeiramente vergonzoso que os dous grupos que conforman o goberno provincial non poñan un límite a este ministro, que, hai que repetilo, está prexudicando os intereses dos nosos gandeiros”. Un prexuízo, destaca o portavoz popular, que aínda ten maior incidencia “nun momento, como o actual, no que as políticas do Goberno central, as súas decisións, a súa estratexia enerxética está danando moito os intereses do sector”.

 

Para os populares, “non se poden xustificar de ningunha maneira esas declaracións do ministro, que danan a imaxe do noso excelente produto e nun momento no que necesitamos aumentar os prezos de venda e para elo é fundamental a imaxe”.

 

Castiñeira sinala: “O ministro Garzón leva moito tempo facendo declaracións en contra do sector  cárnico español, e polo tanto, do galego. Cremos que o Partido Socialista e o BNG están equivocados neste sentido. Non se pode xustificar que alguén trate de mesturar a carne de excelente calidade de Galicia con outro tipo de produtos. España é un país con moitos controles e a carne pásaos todos. No PP quedamos abraiados por esa xustificación de PSOE e BNG do ministro Garzón, un ministro que vai en contra dos intereses dos gandeiros lucenses”.