Partido Popular de Lugo

O PP, á vista dos graves errores do goberno da Deputación na promoción da provincia, propón deseñar un Plan Estratéxico de Turismo 2022-2024

En FITUR quedou de manifesto que José Tomé e o seu equipo seguen unha política de turismo totalmente errada e carente da máis mínima estratexia. Á vista da situación, o grupo do PP defenderá na sesión plenaria de mañá unha moción para instar ao goberno provincial a aprobar un plan estratéxico de turismo 2022-2024 con obxectivos, accións e investimentos, e consensuado cos axentes implicados e cos grupos políticos que conforman a corporación provincial. A proposta popular inclúe que o turismo sexa obxectivo prioritario para o destino dos fondos Next Generation que recibirá a Deputación.

 

O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “FITUR 2022 foi a evidencia da deriva das políticas do señor Tomé. Os feitos dan a razón ao PP cando denunciamos que era un gravísimo erro desvincularse do stand de Galicia, máis aínda cando as razóns do propio presidente da Deputación son máis propias de patio de colexio que dun presidente, poñendo como desculpa as ditosas cadeiras que tanto o preocupan dende que goberna”. Explica que “mentres o stand galego era premiado pola organización da feira, o señor Tomé sacaba fotos no stand de España cunha ministra, a de Industria,  que é, do Goberno de Sánchez, a que máis leva prexudicado á nosa provincia nos últimos anos”.

 

Para Castiñeira, “Tomé con este feito separouse do Xacobeo, a gran estrela de FITUR, un dos mellores reclamos turísticos para o ano 2022. Máis aínda cando pola nosa provincia pasan os tres camiños: Francés, Primitivo e Norte e, sen esquecer, que temos o obxectivo de seguir acadando os datos de antes da pandemia e tratar de chegar aos 300.000 peregrinos neste ano xacobeo”. Os populares din que “non podemos permitirnos estes tremendos erros”. Sinala: “O PP, sabedor deste  fracaso, presentou unha moción para pedir no próximo pleno un cambio absoluto, un xiro de 180 grados na política de turismo da Deputación”.  Ese cambio ten que estar recollido nun plan estratéxico 2022-2024, consensuado cos axentes implicados e cos grupos políticos.

 

Castiñeira di á responsable de Turismo na Deputación: “Non pode seguir así, señora García Porto. Esperemos que agora  non esgrima as desculpas de sempre, de falta de competencias, porque non se entendería a gran cantidade de recursos públicos que están gastando vostede nesta área, destinados basicamente, a propaganda, viaxes e a contratación de  diferentes empresas”. Lembra tamén a externalización total da estratexia do turismo, así como que o goberno provincial sigue “nutrindo  a Tragsa de contratacións, como o de catamaráns, que leva anos sen pasar por un concurso”.

 

En síntese, a do goberno provincial é, segundo o PP, “unha política de turismo totalmente fracasada, que precisa un plan novo e unhas relacións co resto de administración moito mellores da que ten a día de hoxe a Deputación de Lugo”. Por iso, Castiñeira indica: “Señora García Porto, xa sabe o camiño que ten que  percorrer; se quere contar co PP, sempre nos terá aí, pero na liña de colaboración, na que leva Turismo de Galicia e os galegos que sabemos que hai que aproveitar o Xacobeo para seguir proxectado a nosa provincia por todo o mundo”.