Partido Popular de Lugo

Miguel González Piñeiro, elixido presidente do PP en Baralla co 100% dos votos

O alcalde de Baralla, Miguel González Piñeiro, foi elixido este sábado presidente do Partido Popular deste municipio co 100% dos votos. Deste xeito, a dirección provincial do PP continúa cos procesos congresuais a nivel local, tal e como xa fixo en Ribadeo, Viveiro e Friol.

 

A presidenta provincial, Elena Candia, que presidiu o cónclave, no que tamén participaron outros cargos orgánicos como os Secretarios Xeral e de Organización, Javier Nodal e Javier Vázquez Prado, respectivamente; o Coordinador Xeral, José Manuel Balseiro; ou alcaldes de concellos limítrofes; felicitou ao novo dirixente do PP barallense, destacando “a gran valía, experiencia e proxección” do mesmo.

 

Candia salientou que González Piñeiro recolle o testigo do seu pai, un gran alcalde, á fronte do Partido local como xa está a facer no Goberno municipal. Neste senso, tivo unhas palabras de recordo e recoñecemento para o anterior alcalde Manuel González Capón.

 

“Estou convencida que Miguel asume a presidencia do PP de Baralla cun gran compromiso. É unha persoa que suma ao Partido e que se preocupa polo benestar dos seus veciños e veciñas e iso é o que desde a dirección provincial queremos. Sen dúbida, Baralla é un exemplo, no que o PP recibiu en cada cita electoral un masivo apoio, e estamos seguros que coa unión de todos vos seguirá sendo así”, manifestou a líder do PP.

 

Pola súa banda, Miguel González Piñero manifestou que “se trata dun congreso atípico despois do varapao que supuxo para a agrupación local o falecemento do anterior alcalde e presidente do PP no noso municipio”. “Foron dous anos e medio moi complicados, con moitos ataques, pero gracias á implicación e compromiso de todos os afiliados e simpatizantes saímos adiante”, sinalou o recente presidente electo.

 

González Piñeiro asume o cargo “con ilusión e cunha enorme responsabilidade”, e pon valor ao equipo que o acompaña, así como aos predecesores no cargo. “A nosa finalidade é seguir facendo unha política de continuidade, humilde e de proximidade”. En definitiva, engadiu: “o noso único obxectivo é conseguir en todo momento o mellor para Baralla”.

 

 

Equipo ao completo

Miguel González Piñeiro estará acompañado dun equipo conformado por 8 persoas, ademais del mesmo, sendo os integrantes da Xunta Directiva os que seguen: Vicepresidente –Manuel Mourelos González-, Vicesecretaria de Traballo e Benestar –María Rosa Caloto López-, Vicesecretario de Economía e Sanidade –Manuel Fernández Gómez-, Vicesecretario de Medio Ambiente e Medio Rural –Ángel Rodríguez Barcia-, Vicesecretario de Infraestruturas e Mobilidade –Manuel Rodríguez Vilela-, Vicesecretario de Xuventude e Afiliación –Alberto Enrique Parajuá Alonso-. Vicesecretario de Cultura e Educación –Rubén Armada López-, e Presidente de Honra –Óscar Fernández Lago-.