A sede do Partido Popular acolle este xoves a presentación do libro La administración digital. Los riesgos de la desintermediación, las escisiones y las centralizaciones do prestixioso catedrático Manuel Arenilla Sáez. O relatorio, que dará comezo ás 20:00 horas, enmárcase dentro da iniciativa #EspazoPopularAberto, creada recentemente pola formación, que preside Elena Candia, para abrir a formación á sociedade lucense e participación cidadá.
A publicación de Arenilla é a segunda que se celebra nas instalacións populares, situadas na rúa Poeta Ramón Cabanillas, establecendo así unha nova forma de entender a utilidade dos partidos políticos, baseada en ser “o nexo de unión” co tecido socioeconómico, social, cultural, deportivo ou educativo e universitario, como é este caso. Ao igual que na presentación do libro da logofoniatra Marta Pinillos –La Voz. Herramienta para el Éxito Profesional-, no mes de decembro, a de Arenilla será de balde e está aberta ao público en xeral.
A dirección do Partido considera que se trata dunha “oportunidade extraordinaria” sobre o cambio que experimentou a administración nos últimos anos coa dixitalización da mesma. Neste senso, convidan a este encontro non só a alcaldes, voceiros ou cargos orgánicos, senón tamén a administrados, estudantes universitarios e a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas no tema da publicación.
Formación, experiencia e responsabilidades políticas
Manuel Arenilla Sáez é doutor en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade Complutense de Madrid. Pertence a un dos corpos de prestixio da Administración do Estado, Administrador Civil do Estado (1985), e desempeñou postos de relevancia que o levaron a responsabilizarse de áreas como a relación coas Reais Academias (2019).
Na etapa de Director do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) impulsou e supervisou a realización de numerosos convenios con organismos competentes en materia de administración e función pública, especialmente coas máis relevantes de Latinoamérica. Conta con numerosas publicacións e dirixiu numerosos proxectos mediante a elaboración de plans estratéxicos, cadros de mando, innovación, modernización e reforma administrativa, ordenación da función pública, organización territorial e formación.
Ademais de distintos cargos no eido universitario, este recoñecido politólogo tamén tivo responsabilidades políticas dende a década dos 80 en distintos ministerios, así como no Goberno de La Rioja.