O Partido Popular de Monforte esixe ao Concello a delimitación de núcleos rurais en cumprimento da Lei do solo de Galicia. Os populares, segundo explica Katy Varela, levarán este asunto ao vindeiro pleno, co fin de que a entidade local aplique o artigo 78 de dita normativa, e evitar así que moitas vivendas se atopen nunha situación irregular dende o punto de vista urbanístico.
Monforte de Lemos non conta cun Plan Xeral de Urbanismo e as súas normas nesta materia data do 1 de outubro de 1985. Como resulta evidente, a cidade evolucionou ao longo de todos estes anos, ata o punto que as actuacións de urbanismo que se están a desenvolver van afectar á súa fisionomía.
Por outra banda, un dos problemas máis importantes que se están a producir nesta materia son o crecente número de edificacións expedientadas pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Algunhas non teñen salvación por quebrantar a lexislación actual pero, outras, que levan tempo en construción están situadas en núcleos, que de estar delimitados graficamente nas normas de planeamento, de seguro poderían salvarse de ser sancionadas e incluso non verse afectadas por ordes de derrubamento.
Por este motivo, dende o PP elevan este asunto ao pleno. “Se o Concello fai os deberes, estaremos, apunta Katy Varela, a legalizar a situación de moitos veciños”. E é que as normas subsidiarias de planeamento enumeran os núcleos pero non os delimitan graficamente.