Partido Popular de Lugo

O alcalde de A Fonsagrada decide endebedar o Concello a 14 anos “sen criterios obxectivos que o aconsellen”

O alcalde de A Fonsagrada decide endebedar o Concello a 14 anos “sen criterios obxectivos que o aconsellen”. Así o denuncia o voceiro do Grupo Municipal Popular, José Regueiro, logo de que, no pleno celebrado esta semana, se sometese a aprobación unha memoria de alcaldía que reflicte dita operación “sen cuantificar nin concretar os motivos da mesma”, afirma.

 

Para os populares “este é un exemplo máis da opacidade coa que xestiona o PSOE”. E que a esta medida hai que engadir que o goberno local tampouco explica a onde se destina o un millón de euros que figuran na partida de gastos correntes.

 

“Estamos diante unha falta de transparencia que non podemos apoiar dende o PP”. Neste senso, destaca que a súa formación non se opón a que se fagan investimentos no municipio, pero si a que dende a entidade local non se explique de xeito pormenorizado a que se destinan a cantidades aprobadas. “Cremos non dicimos nada que non obedeza ao sentido común. Diante ao escurantismo na xestión sempre nos van ter en contra”, insiste o voceiro popular.

 

Falta de control tamén no parque móbil

Precisamente, esta “falta de control dos fondos públicos” tamén se observa na xestión do parque móbil municipal. “Dende o PP vimos demandando dende o inicio da lexislatura  un rexistro do mesmo, pero este nunca se elaborou”. Tal é así que o voceiro do PP advirte que “agora mesmo o Concello non ten ningún tipo de seguimento do uso de vehículos, de quilómetros percorridos ou do gasto de gasoil”.