A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos, Katy Varela, lamenta que Tomé continúe sen dar unha solución ao saneamento da cidade. A popular tilda “de irresponsable” que o socialista, xunto ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, “se atrevan” a anunciar investimentos no río Cabe, “cando as tubaxes da cidade rachan por todas as esquinas”.
“Ese equipo que onte formaron o Sr. Quiroga e o Sr. Tomé é un insulto aos veciños que, cada pouco tempo, sofren avarías ou problemas coa auga. O saneamento é unha das grandes necesidades que temos, pero o todopoderoso Tomé nin lle preocupa, nin ocupa”, critica Katy Varela.
A popular indica así que “é necesario aproveitar os recursos de todas as administracións para facer un arranxo integral do abastecemento e do saneamento da cidade e despois levar proxectos como o anunciado onte, xa que cun río saneado, os monfortinos poderiamos desfrutalo máis”. A este respecto, engade: “iso sería o coherente. Solucionar primeiro o problema e logo por en valor o río que, sen lugar a dúbidas, é un dos grandes recursos que temos como cidade”. E é que, “a realidade é só unha”, afirma, pois “o Cabe é insalubre e as roturas das tubaxes son un goteo constante. Sen máis, a semana pasada romperon as das rúas próximas á estación de tren”, destaca.
Tomé non soluciona os verdadeiros problemas
Por este motivo, dende o PP reclaman a Tomé “unha mellor xestión”. “Sabemos que o del son as fotos, os anuncios e incluso facer asfaltados que son un lavado de cara, xa que por debaixo queda todo desfeito; pero, o que precisa Monforte, é un alcalde que solucione os verdadeiros problemas que temos. Dende logo, Tomé non o está a facer”, conclúe.