Partido Popular de Lugo

O PP ironiza co lema da Deputación para promocionar a provincia en FITUR, “Lugo de cine”, e esixe a Tomé que traballe para que non se perda a próxima tempada

O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, ten demostrado que quere papeis de protagonista principal na escena galega. Tomé recoñece, por fin, que quere converter a xestión dos intereses da provincia de Lugo en pura ficción. E, como tal, a promociona na feira de turismo FITUR. É certo que, grazas ao PSOE a Deputación foi un verdadeiro Gabinete dos irmáns Marx, e con Tomé e os membros do seu goberno, Lugo viviu nos últimos dous anos momentos de película, e tivo o seu propio Titánic no Pelegrín I afundido no Miño, que hoxe podrece nun prado de Begonte; viviu e vive o retorno aos días de El curso del tiempo nas estradas desfeitas da Deputación e agora asiste ao rodaxe doutra ficción que ten por tema a promoción turística de Lugo. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala:  “Tómense o turismo en serio, déixense de comedias e sigan un plan, abandonen o  suspense e recapaciten, que aínda están a tempo de volver ao stand de Galicia”

 

O portavoz popular di: “A poucos días de comezar FITUR, temos que dicir que quedamos abraiados coas decisións do señor Tomé e das súas improvisacións, máis propias dun show de Moncho Borrajo que  do guión que pretenden vendernos con Lugo de Cine; de cine son as incoherencias do bipartito en materia de turismo, que prefire  saírse da marca Galicia, da Galicia Calidade, para meterse no camarote  da señora Silva, máis caótico que o propio dos Irmáns Marx”.

 

Castiñeira explica: “Para o bo e para o non tan bo o cine da moito xogo, especialmente se vives na propaganda e no titular como lle pasa ao bipartito provincial. É certo que  podemos ver na figura do señor Tomé ao capitán do Titánic, non só polo pésimo futuro do proxecto, senón pola xestión propia en turismo, como responsable do afundimento do Pelegrín que reflicte a pésima aposta polo turismo  fluvial lucense”. Engade: “E que dicir da área  de Augas Mestas abandonada  pola señora García Porto, titular de Turismo da Deputación de Lugo, que prefire apuntarse ás desculpas de Lo que el Viento se llevó que resolver os verdadeiros problemas  e poñela en funcionamento despois de tantos anos perdidos”.

 

Javier Castiñeira lanza unha mensaxe ao goberno provincial: “Señores do bipartito, déixense de ciencia ficción e póñanse a  traballar e preparen á provincia para que esta temporada  se perda e non cometan os mesmos erros que outros anos; aproveiten a oportunidade que nos dá un novo Xacobeo, sempre da man de Galicia, e decídanse a arranxar gran parte da rede viaria que comunica moitos puntos de interese turístico da nosa provincia; vostedes teñen esas  estreadas como verdadeiras Carreteras del infierno”.

 

Os populares dinlle ao equipo de goberno provincial: “Tómense o turismo en serio, déixense de comedias e sigan un plan, abandone o  suspense e recapaciten, que aínda están a tempo de volver a Turismo de Galicia. Non  só llo agradecerán os lucenses, en particular e os galegos en xeral, senón tamén os seus propios socios do BNG que tal cal non entenden como deixan o verde stand de Galicia e o abandonan polo tamén bonito Love Spain”.