Partido Popular de Lugo

O PP de Burela solicita ao Concello un recoñecemento público do ex alcalde de Cervo, Arcadio Pardiñas, con motivo do 40 aniversario do seu pasamento

O Grupo Municipal Popular de Burela solicita ao Concello, a través dunha moción, que homenaxee ao que foi alcalde de Cervo, Arcadio Pardiñas, co fin de poñer en valor “a súa inestimable aportación ao desenvolvemento do municipio”.

 

Neste senso, e a efectos de facer visible este recoñecemento, os populares piden que se faga “un acto público e sinxelo” que podería consistir na colocación dalgunha placa nalgún dos lugares onde aparece identificada a avenida que leva o seu nome; en segundo lugar, facerlle entrega dunha distinción ás fillas do ex rexedor; e, en terceiro lugar, a celebración dun encontro no que se traslade o posible acordo plenario.

 

Dende o Grupo Municipal do PP consideran “necesaria” esta homenaxe porque “a Burela de hoxe en día non se entende sen a transformación dos anos 50, 60 e 70, cando era Pardiñas alcalde, e o impulso das actividades pesqueira, arxilas, madeira, construción ou da actividade comercial ata converter a Burela nun referente de toda Galicia”.

 

Froito do traballo de Arcadio Pardiñas tamén é o incremento de poboación censada, que pasou dos 1.500 en 1955 a 3.774 en 1976. “Multiplicouse en vinte anos o número de habitantes. Non sería de xustiza non atribuír este auxe ao que foi alcalde de Cervo no século pasado, así como ás distintas Corporacións que presidiu”, conclúen os populares.