Partido Popular de Lugo

O PP acusa a Tomé de mentir sobre as causas do novo retraso na construción dos apartamentos tutelados de Portomarín

Os socialistas teñen demostrada unha acusada preferencia no exercicio da política institucional por acollerse ao amparo do relato para construír realidades paralelas. No caso do presidente da Deputación, o relato achégase con frecuencia ao concepto de posverdade, cando non incorre directamente na mentira, como ocorreu recentemente, como sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, cando explicou, en rolda de prensa, os motivos polos que a empresa adxudicataria das obras de construción dos apartamentos tutelados de Portomarín renuncia a este contrato. Castiñeira suxire ao presidente Tomé que pida perdón aos veciños de Portomarín “por non ter actuado da forma correcta que merece a institución que preside, a Deputación”.

 

O portavoz popular no organismo provincial sinala: “O presidente socialista da Deputación de Lugo minte novamente a todos os lucenses. Neste caso fíxoo a cara descuberta  despois dunha xunta de goberno, nunha rolda de prensa na que anunciou a resolución do contrato coa empresa que debería construír os apartamentos tutelados de Portomarín. É a segunda empresa que renuncia; a primeira xa  renunciou hai tempo. A firma pedía o restablecemento do equilibrio económico mediante unha indemnización, que ascende a uns 413.000 euros,  aproximadamente o 30% do valor total da obra, que é de 1.400.000 euros. Neste caso os motivos que alegou o presidente da Deputación foron claros: era por discordancia nos prazos de execución. A realidade non é nin parecida, porque mirando a documentación vemos que o único motivo que alegou a empresa para non facer a obra é o restablecemento do equilibrio económico, é dicir, 413.000 euros”.

 

Castiñeira declara: “No PP non entramos nos aspectos xurídicos, porque confiamos no equipo técnico da Deputación de Lugo, pero si criticamos a mentira, porque non é a actitude correcta. E por que minte o presidente da Deputación de Lugo?  Por dous motivos. Por un lado, por non dar a razón ao PP, que levamos dicindo varios meses que os altos prezos dos materiais de construción levarían a que quedaran concursos desertos ou que só se podería facer moita menos obra do valor que tiña estimado o goberno provincial. Por outro lado, minte por que  neste caso o que busca o presidente da Deputación son intereses partidistas e máis gravemente no concello de Portomarín”. Engade que “o PSOE no goberno da Deputación de Lugo leva retrasando  investimentos en Portomarín, reiteradamente, e os apartamentos tutelados son un claro exemplo; o proxecto xa foi redactado anos atrás. Os menos interesados en que isto  se prolongue son os veciños de Portomarín e, por suposto, o goberno local”.

 

Os populares non entenden por que a Deputación retrasa esa obra, “salvo que sexa por intereses políticos internos do PSOE nesta localidade: é lamentable, porque  esta é unha actitude caciquil: mentir por intereses propios e por evadirse da realidade económica”.

 

Así as cousas, Castiñeira pide “ao presidente da Deputación que pida perdón aos veciños por non ter actuado da forma correcta que merece unha institución como é a Deputación”. Os populares esperan que con este expediente non pase como co do pavillón, que pese a estar avanzada a tramitación e con dotación orzamentaria, o entón presidente, Gómez Besteiro, botouno atrás.