Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro manterá aberta ao público a súa sede durante as mañás dos xoves

Un dos compromisos adquiridos polo presidente da xunta local do Partido Popular de Viveiro, Óscar Rodríguez, no congreso no que asumiu o cargo, foi o de traballar para acercar aínda máis o partido aos cidadáns, traballar a pé de rúa en permanente contacto directo cos veciños. Rodríguez anuncia que, dando un paso adiante no cumprimento do compromiso adquirido, a partir de agora os xoves, día de mercado en Viveiro, estará aberta pola mañá a sede do PP, sita na rúa Cervantes, 27, baixo.

 

Óscar Rodríguez indica que a sede popular estará aberta de 11.00 horas a 13.00 horas. Nese tempo, haberá responsables do partido para atender a aqueles cidadáns que queiran acercarse para expoñer problemas e aportar suxestións tanto en relación co propio partido, como en canto a xestión de asuntos públicos, especialmente de ámbito local.

 

A apertura da sede nas mañás dos xoves é unha maneira de materializar o compromiso de afondar no camiño da participación dos veciños na vida do partido e do propio municipio. Fronte aos que só fan relato da participación, o PP aposta seriamente por ela en todos os ámbitos políticos. Nesta liña, Óscar Rodríguez pon de manifesto a comprobada alerxia que demostra o goberno local a dar participación nas decisións, non só a pé de rúa, senón incluso aos propios membros da oposición municipal.

 

Óscar Rodríguez di que a intención do PP e “traballar sempre cos nosos veciños para sumar para encontrar as mellores solucións aos seus problemas”.