O estado das zonas verdes é un dos parámetros que indican a calidade dos gobernos municipais. O estado no que se atopan os parques urbanos de Foz fala claramente, e non para ben, da xestión do equipo encabezado polo alcalde, Fran Cajoto (PSOE). A concelleira popular Verónica Soto faise eco das queixas dos usuarios dos parques pola gran cantidade de excrementos de paxaros que hai neles e reclama do goberno municipal que, con urxencia, poña en marcha un plan de limpeza destas zonas verdes.
Verónica Soto sinala: “O grupo municipal do PP demanda do goberno municipal de Foz un plan de limpeza urxente dos parques municipais do centro urbano. Durante estes días estamos recibindo moitas queixas de veciños e usuarios dos parques; de xubilados, de familias e de rapaces que non poden usar os parques porque están cheos de excrementos de paxaros, das bandadas de estorniños que nesta época colman as arboredas que temos nos nosos parques”.
Soto explica: “Diante desta situación, demandamos una actuación do goberno local, en aras da limpeza, da hixiene e da boa imaxe dos nosos parques, que son moi usados por todos os veciños. Esta falta de limpeza afecta tanto ás zonas de tránsito como aos bancos, maioritariamente utilizados por xubilados. E tamén ás zonas infantís, o que pode provocar algún tipo de enfermidade”.
Os concelleiros populares din que “a falta de previsión do equipo de goberno provoca que a día de hoxe os parques estean baleiros e a imaxe que se está a dar do pobo, que ten una actividade comercial, social e turística importante, non é a máis idónea”. Por elo,
reclaman do equipo de goberno “que faga as previsións necesarias para non deixar aos veciños de Foz sen poder usar os parques públicos do núcleo urbano”.