Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro reclama a mellora da pista de Magazos, que está en condicións tan deficientes que dificultan o seu uso

Unha boa medida da capacidade de xestión dos gobernos, de calquera nivel, é o mantemento das infraestruturas e servizos xa en funcionamento. No caso de Viveiro, o mantemento e tan deficiente que fala por si só da incapacidade de xestión do goberno presidido por María Loureiro. Unha desas infraestruturas, de fácil mantemento, que, por falta de atención, alcanza un deterioro inxustificable é a chamada pista de Magazos. Os concelleiros populares destacan que “foi sempre un lugar de encontro, de divertimento, de xogo para nenos e non tan nenos e, por suposto, o recinto de festas e verbenas onde gozamos tanto os que somos de Magazos como os que non o son”. O PP defenderá un rogo no pleno para que o goberno municipal dea as instrucións oportunas para acometer as melloras necesarias.

 

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala: “A parroquia de Magazos ten, lamentablemente, pouco espazo de uso e disfrute ao aire libre. Sen dúbida, a pista cumpría ese labor, e a día de hoxe presenta un aspecto de abandono total, de maneira que incluso é difícil localizar onde están os bancos”.

 

Os populares piden “que se actúe á maior brevidade posible para a limpeza tanto da pista como da súa contorna, e a elaboración dun proxecto para que esa zona poida ser realmente para uso de veciños e visitantes”.