Partido Popular de Lugo

O PP de Foz demanda a reparación dos deteriorados e case inutilizables vestiarios do Campo da Cabana

A falta de mantemento das infraestruturas acorta a súa vida útil, crea dificultades aos usuarios e dá mala imaxe das poboacións. O grupo municipal de Foz denuncia do mal estado o Campo da Cabana e critica a falta de xestións dos nacionalistas no terreo deportivo.

 

O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, sinala: “O Partido Popular de Foz denuncia o pésimo e lamentable estado de mantemento dos vestiarios do Campo da Cabana. Hai poucos días, celebrouse nesas instalacións  unha nova edición da Run Foz Run Nadal, organizada  polo Club de Atletismo Ría de Foz, na que participaron  uns 350 atletas e moita xente que  quixo despedir así o ano, nun evento deportivo xa consolidado no municipio”.

 

Os populares  lamentan “a malísima imaxe que deu novamente o Concello de Foz, debido o estado case inutilizable dos vestiarios: están sucios, cheos de humidades e moi perigosos, porque no cuarto de máquinas abunda a humidade e está o cadro eléctrico. A imaxe que se deu do Concello de Foz, e da delegación municipal de Deportes, que leva o BNG,  foi moi mala”. Piden “o arranxo dos vestiarios e que se mire un pouco máis polo Campo da Cabana, que está abandonado nestes tres anos que leva gobernando o bipartito; apenas se fixeron obras dende que foi arranxado no 2015 polo Partido Popular”.

 

Castiñeira sinala: “É unha mostra  máis do abandono do BNG na xestión dunha área tan importante para Foz como é a de Deportes. Neste sentido, mediante un rogo presentado no pleno, solicitamos que se adquira  unha máquina de limpeza de parqué. As queixas dos usuarios do pavillón son moitas, porque está sucio; é un dos mellores parqués  de toda a provincia, que se puxo novo no anterior mandato, dentro das obras feitas polo anterior goberno local no pavillón, e dá pena velo así”.  Indican que a compra pode facerse a cargo do Plan Único ou ben con fondos propios.

 

O portavoz popular “denuncia a mala xestión do bipartito especialmente no eido deportivo, no que o Bloque está ausente, igual que o está  no equipo de goberno; non atende en condicións aos clubs deportivos, que demandan do goberno municipal unha mellor xestión”.