O Grupo Provincial do PP reiterou no pleno da Deputación o seu apoio aos sectores primario e da pesca. Así quedou de manifesto logo dos votos a favor da iniciativa do BNG sobre a defensa do sector de vacún de carne e de ser os autores da moción para instar ao goberno provincial a establecer axudas que potencien a pesca como recurso económico para a provincia e, dun xeito preciso, para a Mariña.
No primeiro dos casos, o deputado e alcalde de As Nogais, Jesús Núñez, puxo en valor a xestión de administracións como a Xunta de Galicia para a valorización da carne, sendo esta produción un elemento estratéxico na economía de zonas como a da Montaña. Así, o deputado popular destacou os plans de dinamización para aumentar a cadea de valor e o impulso dos nosos produtos por parte do Executivo de Feijóo, e que se demostra con iniciativas como demandar ao Goberno central incluír a Conta Láctea na Lei de cadea alimentaria, a posta en marcha da marca Galicia Calidade Alimentaria, así como as axudas directas ao sector, a Lei de recuperación da terra agraria ou o adianto do pagamento da PAC.
En contraposición, Jesús Nuñez afeou ao bipartito a falta de apoio neste senso por parte do Partido Socialista de Pedro Sánchez e convidou a todas as administracións a “escoitar ao sector, pois deben ser os gandeiros os que opinen nestes temas para tomar as decisións axeitadas”, sinalou o deputado do PP.
“O principal obxectivo para o futuro da provincia pasa posta en valor do produto sen alterar o equilibrio do sector que é o que pretenden vostedes”, criticou Núñez. A este respecto, remarcou que “debemos garantir a sostibilidade do sector contando cos axentes implicados e relacionados co proceso de produción. Debemos poñernos a disposición dos interesados para tomar as medidas oportunas que nos están reclamando”. Precisamente, con esta fin, o PP apoiou a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego e “non imos facer como fixo o PSOE coa moción do sector lácteo”, concluíu.
PSOE e BNG en contra de axudar ao sector da pesca
No marco deste apoio aos sectores produtivos da provincia, o PP foi o único grupo político cun compromiso coa pesca da Mariña, que, en palabras do deputado e alcalde de O Vicedo, Jesús Novo, xera preto de 3.000 empregos directos e indirectos nesta comarca. E é que socialistas e nacionalistas tumbaron a moción dos populares, a través da que os representantes desta formación pedían unha maior implicación económica da Deputación para axudar á frota pesqueira a paliar os efectos da crise que se lles aveciña con medidas como a suba do gasoil, aplicada polo Goberno de Pedro Sánchez.
E todo elo, a sabendas de que os portos de Burela e de Celeiro moven o 20% da pesca de toda Galicia, explicou o deputado mariñao. Así, un barco do Gran Sol, que consume ao mes ao redor de 70.000 litros, a suba do diesel suponlle un desembolso de máis de 54.600 euros mensuais; aos pincheiros 31.000 euros e ao de baixura máis de 1.500. “Ningún barco deixa a ningún armador esta cantidade. É imposible. É inviable”, expuxo.
Por este motivo, dende o PP pedían a colaboración do organismo provincial, ao igual que o están a facer as institucións homólogas de A Coruña e Pontevedra que, para a pesca de baixura, conceden 411.000 e 250.000 euros, respectivamente. Pola contra, a de Lugo, malia incluír este sector no Plan Estratéxico de Subvencións, a cantidade que lle destina é igual a cero euros.
“O único que estamos pedindo é que se manteña o apoio doutros gobernos desta Deputación. Antes destinábanse a todas as confrarías entre 3.000 e 5.000 euros. Cando gobernou unha presidenta do PP esta cantidade ascendeu aos 19.000 e, agora con vostedes, o importe desaparece”. Por tanto, preguntoulles ás forzas de esquerda: “para que poñen vostedes a pesca en dito plan? Quíteno. O que demandamos son axudas para axudarlles a superar a crise provocada, por certo, por axentes externos e non polo sector”, concluíu.