O goberno provincial mantivo na sesión plenaria celebrada hoxe pola Deputación a súa teima inxustificable de votar sistematicamente en contra das propostas do grupo do PP, por máis interesantes que sexan para os lucenses. Na mesma sesión, de novo, se puxo de manifesto a propensión que ten a bancada da esquerda a tensar os plenos cos acusacións e descualificacións dos deputados do PP e mesmo con falta de respecto ás vítimas da covid e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou ao final do pleno: “O que máis botamos en falta é cordialidade por parte do presidente da Deputación, José Tomé (PSOE). Xa non pedimos cordialidade por parte da bancada da esquerda, que o que fai en innumerables ocasións é insultar e mandar recados que non son propios dunha institución como esta. Pero cremos que é grave que o presidente provincial, no día de hoxe, fora capaz de faltarlles as máis de 2.750 vítimas da covid que ten Galicia neste momento, cando indicou que o presidente Feijóo ben deitou da pandemia para gañar as eleccións, nun arranque que non é digno do presidente dunha institución”. Castiñeira considera que “é un falta de respecto ao propio presidente da Xunta, de falta de respecto institucional, pero, especialmente, ás vítimas da covid e as persoas que viven neste momento unha situación delicada por culpa da pandemia”.
Por outro lado, o portavoz popular explicou: “Unha vez máis o goberno da Deputación aplicou o rodillo contra as mocións do PP, mocións que son positivas para os intereses dos lucenses. Neste caso, unha delas era para pedir máis apoio da Deputación para o sector pesqueiro na provincia de Lugo, para a nosa frota, en definitiva. E outra, centrada en Foz, na que pediamos financiamento da Deputación para a construción dunha senda peonil entre a basílica de San Martiño e o castro das Engrobias, contra a que tamén votaron socialistas e nacionalistas”.