Partido Popular de Lugo

O PP agarda que o presidente da Deputación e a alcaldesa da cidade negociasen en Ourense a Alta Velocidade a Lugo

O PP agarda que o presidente da Deputación e a alcaldesa da cidade negociasen en Ourense a Alta Velocidade a Lugo. Así o indican, pois “está moi ben acudir a actos e a acompañar a Pedro Sánchez, pero os lucenses tamén queremos feitos e non só fotos”, reclaman. E é que “foron a Ourense a celebralo dúas veces e o único certo que ten Lugo e a súa provincia é que se van incumprir os prazos anunciados en 2018”.

 

Os populares destacan que a inauguración de hoxe “é unha boa nova para Galicia”, pero tamén consideran importante que a súa provincia non quede descolgada deste servizo. “Como veciños desta provincia e, nun día como o de hoxe, non podemos deixar de reclamar que Lugo tamén ten que ter Alta Velocidade” e, iso pasa, lembran, “porque o Goberno retome a construción das variantes que, como todos sabemos, non as contempla nos orzamentos do vindeiro ano”. A isto hai que engadir, din, “que temos poucas frecuencias e que os trens deben ser actualizados”.

 

Adiantan a este respecto que “seguiremos pedindo por Lugo, como sempre o fixemos”. O último exemplo, lembran, é a fronte común dos senadores lucenses cos seus homólogos en Galicia para reclamar infraestruturas, a través das emendas presentadas e nas que se inclúe, precisamente, a Alta Velocidade, para que o Executivo do Estado aumente o investimento na provincia en 50 millóns de euros.

 

“Dende todas as responsabilidades e representacións seguiremos pedindo que a provincia non quede marxinada nas conexións ferroviarias. Continuaremos alzando a nosa voz para que os intereses dos lucenses se escoiten na Moncloa. Agardamos que os socialistas de Lugo fagan o mesmo”, conclúen.