A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo co presidente do Colexio de Médicos de Lugo, Eduardo Iglesias, na que abordaron os aspectos máis relevantes e algúns dos de máis actualidade en relación con este colectivo profesional e a atención aos lucenses. Candia expresou o seu agradecemento a todos os colexiados; destacou o labor fundamental que desempeñan e o esforzo realizado dende o comezo da pandemia.
No encontro, Iglesias e Candia abordaron os principais retos que, no campo da sanidade, ten a provincia, entre eles o de superar o déficit de profesionais.
Ao fío deste encontro, Candia lembrou que a máis recente reunión da xunta directiva provincial do PP estivo centrada en gran parte no estado da atención sanitaria. Nesa reunión participou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, que en relación á atención máis próxima aos cidadáns, explicou que “o Sergas está a facer un gran esforzo por aumentar o cadro de persoal nos centros de saúde ante a realidade da escaseza de médicos de primaria”. Candia insiste en reclamar do Goberno de España que permita a Galicia formar a máis médicos e que elimine a taxa de reposición como se lle ten demandado en varias ocasións dende o Parlamento galego.