Os senadores lucenses, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano, fan unha fronte común co resto de senadores de Galicia para presentar máis dunha trintena de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para a provincia. A reunión, celebrada na Cámara Alta, serviu para profundizar e reforzar algunhas das peticións comúns, e que xa foron dadas a coñecer con anterioridade. Están referidas ás infraestruturas, principalmente.
Os representantes da provincia en dito organismo confían en que a negociación cos demais grupos parlamentarios, incluíndo aos senadores socialistas de Lugo e de Galicia, para aprobar ditas emendas teñan un resultado positivo. Neste senso, os populares lucenses lembran que as iniciativas presentadas pretenden “corrixir o agravio de Pedro Sánchez e do PSOE con Lugo”. Tal é así que suman preto de 50 millóns de euros. As máis destacadas son as seguintes:
En infraestruturas viarias: a autovía da Mariña lucense, a A-74, incluíndo de forma nominativa partidas para os treitos San Cibrao-Burela, Foz-Burela, Foz-O Carme e O Carme-Barreiros; N-VI, en Outeiro de Rei, mellora da seguridade vial e construción dunha glorieta no punto quilométrico 213; intercomunicador A-54 e N-540, en Guntín; circunvalación de Monforte de Lemos, enlace Monforte este-Barrela; autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada; autovía Lugo-Ourense; mellora da N-634 e da N-540.
En materia ferroviaria, os populares incluíron a renovación e electrificación da liña Monforte-Lugo, ademais da renovación da liña Vegadeo-Ferrol.
En materia de augas e transición ecolóxica, saneamento e depuración dos concellos de Monforte de Lemos, Castro de Rei, Portomarín, Vilalba e a eliminación de pluviais e tanque de treboadas en Chantada.
En materia de interior, construción da nova comisaría de Lugo e creación dunha Unidade de Seguridade Cidadá na Comandancia da Garda Civil, ademais dunha Unidade de Prevención e Reacción da Policía Nacional. Neste apartado tamén se contemplan partidas para a reforma dos centros penitenciarios de Bonxe e de Monterroso.
En materia de medio ambiente: construción da Gran Senda do Navia e conservación das Reservas da Biosfera Terras do Miño, Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e Río Eo, Oscos, Terras do Burón.