Partido Popular de Lugo

O PP lucense analiza a atención primaria na provincia e demanda ao Goberno central que “permita formar a máis médicos”

O Partido Popular da provincia de Lugo continúa coa  programación de actividades que lle permiten analizar os asuntos que afectan e interesan aos lucenses. Así, aproveitando a reunión da Xunta Directiva provincial da que forman parte alcaldes e portavoces, puideron coñecer máis polo miúdo a vertebración da Atención Primaria na que traballa a Goberno galego da man da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo. Foi grazas á organización da Comisión de Sanidade, que preside Encarna Amigo.

 

A presidenta dos populares lucenses, Elena Candia, explicou que “traballamos de forma diaria e continua, da man do tecido social, económico e cultural; é dicir, estando ao pé dos veciños para coñecer as súas demandas e buscar solucións ás cuestións que lles preocupan. O pasado sábado celebrábamos en Lugo unha xornada de análise sobre a educación e hoxe abordamos outro dos asuntos de maior relevancia para a sociedade lucense, a saúde. Son, en ambos casos, temas que nos ocupan e aos que o Goberno galego da  prioridade nos seus orzamentos para o 2022 que recollen o maior gasto social da historia: 8.660 M€ para a sanidade pública, o ensino, as políticas sociais e o emprego”.

 

En relación á atención máis próxima aos cidadáns, López-Pardo explicou que “o Sergas está a facer un gran esforzo por aumentar o cadro de persoal nos centros de saúde ante a realidade da escaseza de médicos de primaria”. A presidenta provincial do PP advertiu, a este respecto, que se trata “dun problema que afecta a tódalas comunidades autónomas” e, polo tanto, “pedimos ao Goberno de España que permita a Galicia formar a máis médicos, que elimine a taxa de reposición como lle temos demandado en varias ocasións dende o Parlamento galego”.

 

“A Xunta, pola súa banda, está a tomar medidas co obxectivo de intentar atraer profesionais e tamén traballa na reorganización da atención primaria para que outros profesionais, sobre todo de enfermería, teñan máis capacidades e, polo tanto, permita axilizar a atención aos pacientes”, indicou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria. Tamén de cara a aumentar a axilidade e capacidade resolutiva en relación ás cuestións farmacolóxicas, a Consellería de Sanidade traballa na posta en marcha da e-interconsulta, unha ferramenta entre os farmacéuticos e médicos e enfermeiros.

 

Máis servizos implantados na atención primaria

Sanidade creou nos últimos anos, entre o 2019 e o 2021, máis de 300 prazas en atención primaria. E, de cara ao 2022, os orzamentos da Xunta inclúen a incorporación de 109 novas prazas; así como a estabilización dos contratos de continuidade que xa suman tres anos de duración (66 enfermeiros e 20 médicos de familia).

 

López-Pardo tamén explicou que Galicia foi a primeira comunidade de todo o Estado en crear prazas de enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, e enfermería pediátrica, sendo na actualidade un total de 150 nos centros de saúde. E tamén se dotou á atención primaria de psicólogos clínicos.

 

Infraestruturas

A presidenta dos populares lembrou, en materia de infraestruturas sanitarias, que “a Xunta aprobou recentemente o Plan de Infraestruturas de Atención Primaria que permitirá construír 6 novos centros de saúde na nosa provincia -Antas de Ulla, Sagrado Corazón en Lugo, Pantón, Ribadeo, Becerreá e Guntín- e reformar outros 6 -A Milagrosa en Lugo, Meira, Outeiro de Rei, Foz, Plaza de Ferrol en Lugo e Ribas de Sil-”.