Partido Popular de Lugo

O PP de Xermade esixe ao goberno local conservar, mellorar e difundir as rutas de sendeirismo do municipio

O Grupo Municipal do Partido Popular de Xermade esixiu ao goberno local durante o pleno celebrado este xoves que promova a conservación, mellora e difusión das rutas de sendeirismo do municipio, “espazos naturais de valor etnográfico, histórico e paisaxístico que deben ser orgullo para veciños e reclamo para visitantes”.

 

O Concello recibiu recentemente unha subvención da Xunta para publicitar e poñer en valor as rutas, camiños e sendeiros baixo a denominación ‘Camiños de Xermade’ que inclúe catro rutas: do Batán de Folgoso (Lousada), do río Trimaz (Cabreiros), dos Pasos da Pontenova (Candamil e Burgás) e Xermade-Sotavento (Xermade e Momán). O voceiro popular, Antonio Riveira, sinala que “das catro rutas, apenas a do río Trimaz presenta un mínimo estado de decoro para poder percorrela. As demais están en mal estado”.

 

Concretamente, explica Riveira que “desapareceu o cartel de sinalización da ruta dos Pasos da Pontenova, na Charca dos Patelos, ademais de non facerse un mínimo de conservación nos propios pasos sobre a Pontenova do río Trimaz”. Na ruta do Batán de Folgoso había pontes de madeira ao longo do río que foron afectadas polo tempo rompendo os chanzos de madeira e limitando a accesibilidade provocando as queixas dos grupos de roteiros. Resulta paradóxico que exista un enlace na web do Concello para anunciar o proxecto de rehabilitación de elementos etnográficos para creación dun centro de interpretación en Folgoso, pero que o goberno local non se preocupe por realizar un mínimo de conservación”, incide o popular. E a ruta Xermade-Sotavento, “desde que a deseñou e presentou o anterior goberno municipal, non recibiu nestes seis anos ningún impulso na sinalización nin mellora nos camiños que a conforman”.

 

Os populares recordan que “os camiños necesitan conservación, melloras, sinalización e estudos de ampliación” e, polo tanto, cren que “é momento de prever estudando as actuacións, as necesidades de orzamento e as xestións que sexan precisas para que as rutas estean acondicionadas na próxima temporada”.

 

Iniciativas en defensa dos intereses dos gandeiros

O Grupo Municipal Popular levou ao pleno ordinario da corporación dous asuntos de interese para os gandeiros do municipio. Riveira lamenta que “o grupo do PSOE se abstivese e non apoiase a iniciativa de apoio ao sector lácteo coa que pretendían, entre outras cuestións, esixir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación habilitar mecanismos para garantir que o prezo que reciben os gandeiros polo leite cubra, polo menos, os custos de produción; tal e como recolle a Lei da Cadea alimentaria”. 

 

Os populares amosaron, por outra parte, o seu rexeitamento a que o Ministerio para a Transición Ecolóxica incluíse ao lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial. Nese sentido, conseguiron que o PSOE se sumara á iniciativa para que o Concello solicite ao Ministerio que esta especie continúe a ser cinexética e, polo tanto, estea permitido o seu control; xa que “o lobo causa numerosos danos entre os nosos gandeiros”. A moción do PP, que foi aprobada por unanimidade, incluía a solicitude ao Ministerio para habilitar axudas aos gandeiros para adoptar medidas de prevención e paliar os danos que causen os lobos.