Partido Popular de Lugo

O PP de Burela bota en falta “iniciativas do goberno local para mellorar a seguridade viaria e dotar de aparcamento ao entorno do cuartel da Garda Civil”

O Grupo Municipal Popular de Burela considera “positiva e necesaria” a mellora das instalacións do cuartel da Garda Civil anunciada; pero bota en falta que “o señor Llano faga valer a súa condición de alcalde e complete estas melloras con iniciativas que partan do propio Concello”.

 

O voceiro popular, Manuel Rouco, cre que “o goberno local non ten iniciativa propia” e, nese caso, insta ao rexedor socialista a “botar man da moción presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular en abril do ano 2020 e que recollía as necesidades trasladadas polos representantes dos efectivos do acuartelamento municipal en relación á mellora da seguridade pública e á dotación dun aparcamento para o cuartel”.

 

A proposta dos efectivos do acuartelamento burelés trasladada pola formación popular recollía a dotación de, polo menos, tres báculos máis coas súas respectivas luminarias e a súa posterior conexión á rede pública de alumeado na beirarrúa de enfronte ao cuartel de cara á mellora da visibilidade nocturna no seu entorno”. Outra das actuacións propostas era a construción, polo menos, dun paso peonil elevado preferentemente asfáltico para que os residentes e usuarios das instalacións poidan atravesar a rúa con total seguridade. E, igualmente, propoñían “a realización dos trámites oportunos e a execución da obra pertinente para dotar dun aparcadoiro en condicións -como existen noutras zonas do casco urbano da nosa vila- nunha das fincas lindeiras co cuartel que teñen acceso directo á estrada que une Burela con San Román de Vilaestrofe, segundo fora máis factible”. Deste xeito, “dotaríase ao entorno de máis prazas de aparcamento en condicións óptimas de seguridade”, engade o voceiro do PP.

 

Os populares consideran “incomprensible” que “o alcalde e o seu equipo de goberno rexeitaran no pleno as peticións do Grupo Municipal Popular desoíndo as demandas dos efectivos da Garda Civil” porque “as xustas medidas que debería asumir o Concello suporían só un gasto mínimo e redundarían na mellora da calidade de vida e dos servizos dirixidos tanto aos axentes e as súas familias coma aos veciños de Burela ou doutras localidades da Mariña que fan uso destas instalacións para realizar diversos trámites”.

 

“Oxalá tivera altura de miras e tratara de recuperar estas propostas para completar as melloras a realizar no cuartel de Burela”, conclúe Rouco.