O Grupo Municipal Popular de Ribadeo opúxose no pleno á aprobación dos orzamentos municipais para o anos 2022 elaborados polo goberno local ao considerar que son “continuistas e nada ambiciosos”. O voceiro, Daniel Vega, cre que “demostran a parálise dun goberno que non traballa; senón que vive nunha sesta permanente”.
O popular sinala tamén que “un ano máis, o goberno do BNG presenta as contas fóra de prazo. Non o dicimos nós, dino os informes técnicos”. Despois de analizar as contas municipais, Vega explica que “da cifra de 9,8 millóns de euros de orzamento, 1,2 millóns de euros corresponden a inversión real. É dicir, investiranse 300.000 euros menos que este ano para o que as contas municipais recollían 1,5 millóns de euros”. Pero, ademais, deses 1,2 millóns de euros, o Concello só aporta directamente 140.000 euros.
Vega bota en falta “xestión de orzamento para Ribadeo. Este goberno municipal ata agora non xestionou ningún orzamento porque son a Xunta e a Deputación as administracións que lles resolven os problemas. O Concello non aporta nada”.
O Grupo Municipal Popular considera que son cinco as inversións importantes para Ribadeo nestes momentos; pero os orzamentos do goberno local do BNG aportan escasas cantidades ou, na maioría dos casos, non aporta nada. Unha das actuacións que sinalan os populares é a reforma integral do asilo “para a que o orzamento non contempla ningunha cantidade por parte do Concello. A esta finalidade dirixirase a herdanza do doutor Moreda e tamén investirá a Xunta, pero para o goberno local non é prioritaria esta actuación”, remarca.
Vega engade que tampouco se contempla ningunha partida orzamentaria para ceder á Xunta o terreo necesario para construír o novo centro de saúde. “Os 0 euros que dirixe demostra o compromiso do goberno local” con esta nova dotación sanitaria para Ribadeo.
Son tamén “0 os euros que dirixe o goberno local ao saneamento de Ribadeo”. E para o abastecemento da auga, os orzamentos municipais contemplaban 95.000 euros para o 2021 e redúcense ata os 25.000 euros para o 2022”. É máis, Vega sinala que “o BNG leva 16 anos no goberno e non arranxou nin 1 km de tubaxe da auga”.
Tamén é “ridícula” a cantidade que prevé o goberno do BNG dirixir ao arranxo de vías municipais cando “dende o Grupo Municipal Popular reivindicamos unha planificación seria de actuacións tanto na vila coma no rural”.
Xestionar orzamento para Ribadeo e impulsar a economía
“O goberno local do BNG non prioriza o que é importante para os veciños”, indica Vega. Fronte a esta situación, os populares apostan por “xestionar orzamento para todos os ribadenses e impulsar a economía local”.
En relación á dinamización da economía local, o voceiro do Grupo Municipal Popular criticou tamén que “estes orzamentos non eliminen ningún tipo de imposto ou taxas municipais”. Isto supón que “o goberno do BNG non prevé promover ningún tipo de medida para promocionar a instalación de empresas no polígono industrial; mentres que outros concellos bonifican os impostos relacionados coa actividade empresarial nun 95%”.
A este respecto, os populares propuxeron no pleno a rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI), o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) porque consideran que “o Concello de Ribadeo debe promocionar a actividade económica e o polígono industrial”.
Incremento da débeda
Vega condena tamén a xestión económica deste goberno municipal que “case dobrará a débeda do Concello. Se o 1 de xaneiro do 2022 a débeda real será de 1 millón de euros, o 1 de xaneiro do 2023 será de máis de 1,8 millóns de euros”. Polo tanto, “este ano a débeda incrementarase en 800.000 euros”, explica.