Unha vez máis, o bigoberno provincial deixou reducido a puro blablablá a súa demagóxica vontade de participación nas institucións públicas. Na liña habitual do presidente José Tomé, unha vez máis o grupo do PP foi discriminado á hora de participar no desenvolvemento de iniciativas ás que dá o seu apoio e así foi excluído do comité para a posta en marcha do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Hai uns días, o PP sumouse á declaración institucional da Deputación de Lugo, nunha xunta de voceiros, para apoiar o Plan de Igualdade. Nestes días vimos de coñecer que se formalizou a creación dun comité para iniciar o proceso do Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes e nel non está o grupo maioritario, que é o do PP; están os representantes dos traballadores, os do goberno e falta o grupo maioritario na corporación, que representa a unha boa maioría dos lucenses”.
Castiñeira declara: “É un acto máis de sectarismo e de intentar deixar de lado ao PP incluso nun asunto como este, no que entendemos que todos temos a mesma liña e a mesma idea, que é a da xustiza social, da igualdade entre homes e mulleres”. Para o portavoz popular, “non é xustificable deixar fóra ao PP como único partido que non participa nese comité, no que cremos que podemos aportar e facer a nosa labor de representación”. Lembra que “o PP ten 12 dos 25 deputados que conforman a corporación provincial, é dicir, representa a case 77.000 persoas que confiaron no Partido Popular e que non van ter representación nese comité para elaborar o Plan de Igualdade da Deputación de Lugo”.
Os populares lamentan “ter que dicir de novo que así non se deben facer as cousas e que seguimos instalados no sectarismo do bipartito, empeñado en deixar de lado ao PP, o partido maioritario desta provincia”.