O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro demandou hoxe no Parlamento galego que a Xunta elabore e desenvolva, da man do sector, a planificación da formación náutico-pesqueira para a Mariña lucense, no que se contemple a emisión de certificados de profesionalidade marítimo-pesqueira e a organización de cursos para a adquisición e revalidación de competencias necesarias. Así mesmo, avogou por analizar a demanda existente para a implantación nos centros da Mariña de ciclos de formación náutico-pesqueira e da FP-dual, como a que xa está a funcionar en Galicia nesta especialidade.
Balseiro afirmou que “a formación é un dos grandes aspectos que a frota e as súas tripulacións demandan para seguir mantendo unha actividade competitiva”, pero incidiu que “o relevante á que o deseño destas accións formativas se realice da man do sector, os verdadeiros coñecedores directos da demanda, ata o punto de poder ofrecer en cada momento unha formación case á carta”.
A MARIÑA MERECE MÁIS FORMACIÓN
“Somos os primeiros convencidos de que A Mariña merece máis formación no ámbito do sector do mar”, asegurou Balseiro, quen lembrou que o Goberno de Manuel Fraga proxectara a creación dunha escola náutico-pesqueira con sede en Burela. “Este proxecto foi desbotado e rexeitado de forma reiterada por parte do Goberno bipartito de PSdeG e BNG, que tamén votaron en contra de emendas do Grupo Popular para incluír partidas orzamentarias que asegurasen este investimento”, dixo.
Para rematar, o deputado popular salientou que “nesta última década a caída do emprego e frota ten sido freada e, sen renunciar a que nun futuro se poida rescatar o proxecto da escola náutica, queremos poñer enriba da mesa a posibilidade de fornecer de formación pesqueira aos profesionais desta comarca, apoiados na aposta decidida da Consellería do Mar por unha formación de calidade”.