Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular afirma que a Estratexia do sector cárnico facilitará a remuda xeracional e que as explotacións sexan rendibles

O deputado do Grupo Popular Daniel Vega afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que a Estratexia de dinamización do sector da carne en Galicia permitirá “consolidar este sector e garantir a remuda xeracional, que as nosas explotacións sexa rendibles, mellorar o nivel de transformación da industria cárnica e a xeración de valor engadido, seguir avanzando na profesionalización con máis formación, e apostar aínda máis pola investigación e a innovación”.

 

Daniel Vega explicou que a Xunta está a avanzar na elaboración da Estratexia de dinamización do sector da carne en colaboración con gandeiros, representantes das industrias, das cadeas de distribución, asociacións e organizacións agrarias. “Deste proceso sairán medidas concretas para deseñar o futuro deste sector, ver as súas debilidades e fortalezas e traballar na profesionalización dos nosos gandeiros”, apuntou.

 

BASE TERRITORIAL

 

O deputado popular salientou a aprobación da Lei de recuperación da terra agraria, “que dotará de base territorial ás explotacións que o precisen para que poidan ter unha produción máis sustentable desde o punto de vista ambiental, social e económico”. Neste sentido, sinalou que “a redución dos custos de produción é un dos problemas que ten hoxe o sector, polo que o incremento da base territorial permitirá reducir o alimento alleo á explotación evitando a suba dos cereais e das materias primas”.

 

“O sector cárnico transformouse nos últimos anos, pasando a unhas explotacións profesionalizadas que están traballando para mellorar o seu gando”, manifestou o deputado popular. Porén, apuntou que “necesita seguir avanzando” e para iso lembrou que a Xunta “seguirá convocando as axudas necesarias dentro do plan de mellora, do plan de incorporación ou de mellora xenética”.

 

En concreto, Daniel Vega destacou que a Xunta abonará mañá 127 millóns de euros correspondentes ás axudas da PAC 2021-2022, que beneficiarán a máis de 25.000 agricultores e gandeiros de Galicia. Así, pagaranse 62,3 millóns de euros correspondentes ao pago único; 31,8 millóns do pago verde; 7,7 millóns par vacún de leite; 3,5 millóns para vacún de carne; case 2,4 millóns para pequenos agricultores; e 2,2 millóns para agricultores mozos.