Partido Popular de Lugo

O PP anuncia que incrementará a presión sobre o goberno de Viveiro para sacar adiante o PXOM, “porque o municipio non pode perder nin un ano máis sen planeamento urbanístico”

O goberno municipal presidido pola alcaldesa María Loureiro (PSOE) ten sobradamente demostrada a súa incapacidade para xestionar os grandes asuntos de Viveiro. Se en algunha materia tal incapacidade se puxo de manifesto dende que chegou á alcaldía, é o urbanismo. Despois de 20 anos de iniciados os trámites para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o municipio sigue sen PXOM e, polo tanto, co seu urbanismo bloqueado, coas graves consecuencias económicas que ese bloqueo ten para Viveiro. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, tras a reunión mantida con membros da directiva do PP local, do que é presidente, anuncia que este partido intensificará a presión para conseguir que Viveiro teña canto antes planeamento urbanístico e saia da situación de parálise na que se atopa.

 

Rodríguez di: “É verdadeiramente inaudito. Os trámites para redactar o PXOM comezaron en 2001. E así seguimos, sen plan urbanístico. María Loureiro colleu o bastón de mando, pero con respecto ao PXOM non fixo nada práctico para sacalo para adiante”.

 

O portavoz popular tamén sinala: “É tan disparatado todo o que ten que ver coa xestión do novo PXOM, que o que antes non lles valía, agora válelles, pero todo sigue parado. Antes non lles valía ningunha das opcións para a  circunvalación, a vía de alta capacidade, e agora si. Tiveron que pasar anos e anos para chegar a onde estabamos, para non mover nada”.

 

Os populares tamén destacan que da subvención de 300.000 euros con cargo á que se debía redactar o PXOM, xa se gastaron arredor de 200.000 e aínda queda, no mellor dos casos, moita tramitación por diante”. Rodríguez di: “Esta parálise ten que acabarse, non podemos permitir que pase outro ano máis sen que a tramitación do planeamento urbanístico avance cara a súa aprobación; Viveiro non ten por que soportar máis tempo as consecuencias da falta de xestión do goberno municipal, en xeral, e en concreto, da alcaldesa, María Loureiro”. Nesta liña, Rodríguez destaca que dende 2018, o Concello non fixo nin un só tramite con Augas de Galicia e coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.