Partido Popular de Lugo

Elena Candia destaca a necesidade de construír unha nova Comisaría de Policía en Lugo durante unha reunión co secretario provincial de Jupol

A presidenta provincial, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo co secretario provincial do sindicato Justicia Policial (Jupol), Daniel Sinde, para escoitar as propostas e suxestións do colectivo na que aproveitou para “agradecer aos profesionais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que día a día nos protexen”.

 

Candia destacou durante a xuntanza que se enmarca dentro dunha programación de encontros cos axentes que integran a sociedade lucense “a necesidade de construír unha nova Comisaría de Policía en Lugo; xa que a actual está obsoleta e así nolo trasladan desde Jupol”. Engadiu tamén que “non incluír esta infraestrutura nos Presupostos Xerais do Estado de 2022 é un exemplo máis da discriminación do Goberno de Sánchez cara a provincia de Lugo”, lamentou.

 

Neste sentido, o PP presentou unha emenda aos Orzamentos do Estado para cumprir cos compromisos xa adquiridos en exercicios orzamentarios anteriores e dar os primeiros pasos para contar cun proxecto que permita iniciar no menor tempo posible a construción dunha nova comisaría de policía na cidade de Lugo.

 

En relación a este asunto, os senadores lucenses formularán unha pregunta na Cámara Alta en relación a este asunto. Concretamente, dirixiranse ao Executivo central para coñecer que prazos manexa para efectuar a construción da nova Comisaría da Policía Nacional na cidade de Lugo para a que o Goberno de Rajoy asumira o compromiso e iniciara os trámites ante a Xunta de Galicia. Nesa liña, tamén queren coñecer os avances que fixo o Goberno presidido por Sánchez de cara á súa construción que permita contar cunha infraestrutura adecuada para o desenvolvemento das funcións policiais; xa que a actual Comisaría atópase nun deficiente estado de conservación e dispón de escaso espazo.

 

Unidade de Prevención e Reacción Provincial

Outras das propostas de Jupol foi “a necesidade de creación dunha Unidade de Prevención e Reacción na Comisaría Provincial e a dotación, nas tres comisarías da provincia, de máis persoal dada a dramática escaseza de efectivos”.

 

A creación dunha UPR na nosa provincia foi aprobada no Congreso a proposta do PP durante unha Comisión de Interior celebrada en marzo. Foi o deputado lucense Joaquín García Díez o encargado de defender esta reivindicación advertindo que “Lugo é a única provincia galega sen este tipo de dispositivo de intervención rápida para apoio en cuestións relacionadas coa seguridade cidadá”.

 

Os deputados populares defenderon igualmente a creación dunha Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil na Comandancia de Lugo que foi rexeitada cos votos en contra de PSOE e Unidas Podemos en Comisión este pasado mes de setembro. Os populares teñen reclamado tamén no Congreso a renovación de vehículos e a dotación de chalecos de protección á Garda Civil de Lugo.

 

Candia subliñou que “desde o PP apoiamos estas reivindicacións e traballaremos intensamente para intentar que o Goberno central as leve a cabo”.