Partido Popular de Lugo

Os alcaldes dos Concellos afectados polo encoro de Belesar avisan de que a pretensión da CHMS de limitar os seus usos arruinaría á declaración da Ribeira Sacra como Ben Mundial

A presidenta provincial do PP e deputada autonómica, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo cos alcaldes dos concellos que están afectados polo embalse de Belesar: Portomarín, Pablo Rivas Folgueira; Guntín, María José Gómez; Paradela, José Manuel Mato; Saviñao, Juan Carlos Armesto Quiroga; Chantada, Manuel Lorenzo Varela; Taboada, Ramiro Moure. O obxecto da reunión foi analizar as alegacións a presentar polos concellos fronte a pretensión da Confederación Hidrográfica, en aplicación do previsto na Ley de Aguas para, con carácter temporal, condicionar ou limitar o uso do dominio público hidráulico para garantir a súa explotación racional.

 

Os populares explican que “a lei faculta, pero non da un cheque en branco” á administración hidráulica, “máxime cando a orixe deste trámite vén, ao parecer, provocado por unha actuación posiblemente neglixente da concesionaria hidroeléctrica que, aínda que supuxo danos colaterais aos concellos e empresas, deberá ser depurado e tido en conta á hora de avaliar o instrumento legal que se pretende aprobar”.

 

Os alcaldes avisan de que “a non garantía de caudal de augas suficiente, levaría como consecuencia outro grave dano colateral evitable: non chegar á declaración de Ben Mundial en 2023” da Ribeira Sacra. Os encoros de Belesar e Os Peares conteñen ao río Miño e permiten aproveitar o seu caudal para o desenvolvemento de actividades que xeran valor engadido coma os paseos en catamarán ou as rutas en coche para ver os canóns dende os miradoiros panorámicos que forman parte da paisaxe característica da Ribeira Sacra e que “contribúen ao desenvolvemento sostible da zona”.

 

Para os populares “isto demostra que non debe o organismo de conca ter en conta só fins de produción enerxética; senón tamén o feito de que os concellos -tras ver asolagados os seus termos municipais, nalgúns casos sen indemnizacións- desenvolven no encoro actividades culturais e recreativas que xeran valor engadido”. Neste sentido, reclaman que “se manteña un nivel de auga estable para poder levar a cabo as actividades”. E lembran que “a navegación non produce dano algún, a diferenza do uso industrial hidroeléctrico, e respecta os hábitats naturais”.

 

“O plan proposto impediría manter unha lámina adecuada e constante de auga e, polo tanto, suporía unha crise de tal calibre para os concellos afectados que -querendo paliar os danos irreparables na construción do encoro- eliminaría tamén a vida económica e recursos privados e, nalgúns casos, tamén públicos. Cortar iniciativas para diversificar a economía local que dan vida aos maltreitos concellos e aos seus veciños é condenalos a formar parte da España baleirada”, advirten.

 

En definitiva, os populares reivindican un marco que faga compatible o aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Belesar con outras actividades. Queren “blindar, no instrumento que se persegue implantar, tanto as actividades agrarias como as turísticas e de recreo cunha clara franxa de lámina establecida e que, salvo as necesidades de auga de boca, debe predominar á industrial ou polo menos manterse, mediante caudais adecuados; aínda que para iso deba equilibrarse o uso da produción hidroeléctrica”. Nese sentido, cren axeitada a elaboración dun plan director entre as distintas administracións.