Partido Popular de Lugo

José Regueiro critica “a nula vontade” do goberno local para axudar ás asociacións a asumir a titularidade das escolas rurais

O voceiro do Grupo Municipal do PP de A Fonsagrada, José Regueiro, critica “a nula vontade” do goberno local para axudar ás asociacións a asumir a titularidade das escolas rurais. O popular fai esta valoración, logo de que o Concello aprobase un inventario de inmobles municipais sen ter en conta os intereses dos veciños das parroquias nas que se atopan estes centros, que foron construídos coa colaboración e aportación cidadá.

 

Precisamente, esta decisión “unilateral” dos dirixentes locais está a causar malestar entre a veciñanza, pois, segundo expón Regueiro, “moitas destas escolas están en pé grazas a que veciños cederon terreos, aportaron material, etc”. Por tanto, considera que “o mínimo” sería chegar a un acordo con eles para crear o impulsar algunha asociación que puidera asumir a titularidade destes inmobles. “O lóxico e o que os veciños demandan é que os que deben xestionar e ser titulares destas escolas sexan eles e non o Concello”, insiste.

 

José Regueiro convida ao goberno local “a que reflexione” e “non darlle ás costas aos veciños”. “É unha obriga moral e política. Estas escolas fixeron e fan un excelente servizo. Moitas xeracións se formaron nelas, sobre todo, nun tempo no que o acceso á ensinanza estaba máis complicado”. Por iso, dende o PP “defendemos que o Concello dea marcha atrás e se reconsidere esta cuestión”. “O que debería facer o goberno local é poñer a disposición das asociacións de veciños todos os medios necesarios para a súa restauración”, manifesta.

 

Estas escolas sitúanse en 26 parroquias. Son as seguintes: Maderne, Freixo, Carballido, Pobra de Burón, O Trobo, Pacios de Mourisco, A Bastida, Neiro, O Padrón, Bruicedo, San Pedro do Río, Vilabol, Fonfría, Veiga de Logares, Paradavella, Vieiro, Piñeira, Monteseiro, San Martín de Suarna, Vilar de Cuíña, Lamas de Campos, Arroxo, Lamas de Moreira, A Trapa, Allonca e Cereixido.