Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba defende a necesidade de “detectar e atender ás persoas maiores que viven soas no concello de Vilalba”

O Grupo Municipal Popular de Vilalba defende a necesidade de detectar e atender ás persoas maiores que viven soas no concello de Vilalba. A ese respecto, presenta unha proposta para debater no vindeiro pleno da corporación municipal que recolle distintas iniciativas para facer fronte a esta tendencia que se da na sociedade vilalbesa “a pesar do apoio familiar, a cobertura do centro de saúde e o labor dos servizos sociais comunitarios”.

 

Os populares defenden, a este respecto, que “debemos adiantarnos cambiando o modelo de atención. Non é un problema individual, senón un problema social que, como institución, o Concello está obrigado a afrontar”, segundo apunta a concelleira Agustina Fernández.

 

Concretamente, o Grupo Municipal Popular propón avaliar os recursos necesarios para garantir a seguridade de cada unha das persoas a partir do censo de persoas maiores que viven soas que xa foi elaborado e actualizalo cando sexa preciso por cambio relevante da situación da persoa. Tamén cren necesario “elaborar un protocolo de contacto permanente coa persoa para garantir e detectar calquera incidencia (chamada telefónica da propia persoa incluída no censo a un número habilitado para tal fin de forma gratuíta) e formar unha rede de traballo para elaborar e implementar programas e accións encamiñados a afrontar este tema, así coma elaborar un protocolo de detección e intervención de persoas maiores illadas e sen rede social.

 

Entre as propostas para atender ás persoas maiores que viven soas, dende o PP local propoñen tamén levar a cabo un Plan de Prevención e intensificar a colaboración e coordinación por parte da área de Servizos Sociais do Concello de Vilalba e Centro de Saúde, Cruz Vermella, asociacións e parroquias, para mellorar a detección de posibles casos de persoas maiores que vivan soas. Do mesmo xeito, entre as medidas a adoptar recollen a creación de grupos de autoaxuda de maiores, o impulso dos programas de acompañamento a persoas maiores soas e unha resposta ás necesidades residenciais destas persoas mediante unidades de convivencia e programas de acollemento familiar.

 

“É imprescindible convocar á Comisión de Servizos Sociais, Educación, Cultura, Participación Cidadá, Deportes e Mocidade para a unha primeira fase de organización do proxecto de traballo e cronograma da relación dos puntos mencionados”, segundo defende Fernández.

 

Outros asuntos

Os populares de Vilalba demandarán tamén no pleno deste xoves un Plan Municipal de Sinalización das principais parroquias, barrios e espazos de interese turístico e cultural dotado cunha partida de 100.000 euros nos futuros orzamentos municipais para o próximo ano 2022.

 

Tamén instarán ao goberno local a avanzar na eliminación de barreiras arquitectónicas nas rúas vilalbesas, efectuar un maior control sobre a colocación das vallas de obra e a axilización na concesión de permisos; así coma a humanizar o polígono Sete Pontes atendendo á demanda dos empresarios.

 

A respecto do polígono industrial, dende o PP local preguntarán pola situación na que se atopa o proxecto de ampliación; e, por outra banda, cando ten previsto o goberno local volver a reunión a Comisión de seguimento do PXOM na que estean presentes todas as partes implicadas e cando remitirá o goberno local aos grupos municipais o informe sobre o MUPAV.

 

Os populares tamén demandarán resposta en firme sobre cuestións coma o plan de mobilidade e a decisión definitiva sobre a rúa da Pravia “que aínda non coñecemos, a pesar de ter preguntado por escrito”.

 

Os populares tamén urxen a posta en marcha das actividades de Nadal e das aulas da terceira idade; así coma a dar resposta ás peticións de reunións cursadas en agosto e setembro “tratando en igualdade de condicións a toda a cidadanía”.

 

En relación á cita máis emblemática do Nadal en Vilalba, a Feira do Capón, moi importante para os criadores; os concelleiros do PP tamén se interesarán por coñecer que previsión ten o goberno local en relación á convocatoria de folga de transportistas entre os días 19 e 21 de decembro, datas clave para a distribución dos capóns.