Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba condena “o gasto de diñeiro público” no derrubamento do parque acuático por “capricho”

O Grupo Municipal Popular de Vilalba condena que o goberno local gaste 48.000 euros dos veciños e veciñas no derrubamento dunha instalación existente e “emblemática de Vilalba que, ademais, atraia visitantes contribuíndo á dinamización social e económica do noso concello”, como é o parque acuático da Madalena.

 

É máis, “estase a desfacer unha dotación remodelada recentemente cun investimento de78.000 euros (55.000 para o vaso principal e 23.000 en obras auxiliares coma a adecuación da instalación eléctrica, as escaleiras de acceso á torre ou a renovación das bombas de auga)”.

 

A voceira, Sandra Vázquez, engade tamén que “o Concello, cos gobernos do PP, realizaba traballos de mantemento para a súa conservación e posta a punto para o seu uso durante o verán en condicións de seguridade dende a súa posta en marcha no ano 2007”.

 

A popular explica que “é un capricho do PSOE: como non lles gusta a eles, gastan o diñeiro dos veciños en derribar unha dotación que servía como reclamo para veciños e visitantes aos que lles servía para coñecer un anaquiño da historia de Vilalba, ao mesmo tempo que os máis pequenos disfrutaban do seu tobogán”.

 

“A pesar de que esta era unha promesa electoral do PSOE, hai outros moitos asuntos realmente importantes que tamén prometeron e sobre os que non deron aínda nin o primeiro paso”, engade.

 

Interese xeral por riba dos intereses políticos

Vázquez sinala, por outra banda, que “ante os inexistentes orzamentos municipais para este ano 2021, o goberno local optou pola incorporación de remanentes para dotar de partida orzamentaria aos traballos de derrubamento do parque acuático”. Nese sentido, aclara que “o voto favorable do Grupo Municipal Popular á incorporación deste diñeiro débese a que o goberno local incluía tamén entre os proxectos aos que dirixir eses remanentes as axudas a comercios, autónomos e pequenas empresas prexudicadas pola pandemia que levaban un ano agardando por elas. Non os podiamos deixar desamparados”, matizou.

 

“O PP de Vilalba defende o interese xeral dos veciños por riba de intereses políticos”, conclúe.