Vilalba, 26 de novembro de 2021. O Grupo Municipal Popular de Vilalba amósase preocupado pola “parálise do goberno local” en distintos ámbitos. A voceira, Sandra Vázquez, explica en relación á ampliación do polígono que “o grupo popular leva preto de dous anos preguntando pola súa situación ao goberno local en diferentes sesións plenarias”.
“Tendo en conta que no mes de xullo do presente ano, a través dos medios de comunicación, coñeciamos a intención do Concello de Vilalba de proceder a poxar as parcelas que formaban parte do plan parcial promovido por Entrepinares S.L.; queremos saber en que situación se atopan”, apunta.
Os populares apostan polo desenvolvemento económico e social do municipio. Nese sentido, o goberno local do PP no anterior mandato estaba a estudar e traballar na realización dunha nova ampliación do polígono Sete Pontes porque “é unha necesidade latente”, advirten. E engaden que “a creación de 300.000 metros cadrados de solo industrial resolvería esta necesidade e conseguiría a captación de novas empresas e a ampliación doutras xa existentes”.
A través doutro rogo, o Grupo Municipal Popular de Vilalba esixiralle tamén ao goberno local atender as reiteradas reclamacións da asociación de empresarios de cara á humanización, limpeza, sinalización viaria e de servizos que lle competen ao Concello.
PXOM
Tras unha iniciativa plenaria do Partido Popular, o pasado mes de marzo deste ano, acordábase en pleno a creación dunha comisión de seguimento da redacción do PXOM composta por dous representantes dos grupos municipais con representación, técnicos municipais e un representante da empresa redactora. Pero, “a súa constitución tivo lugar o 11 de maio do 2021 sen a presenza de ningún representante da empresa redactora”. Polo tanto, os populares queren saber cando ten previsto o goberno local volver a reunión a Comisión de seguimento do PXOM na que estean presentes todas as partes.
Contrato de recollida do lixo “caducado fai máis dun ano”
Outro dos asuntos pendentes do goberno local socialista é a nova licitación do contrato de recollida do lixo e limpeza viaria que “permanece caducado dende comezos de outubro do ano pasado” e que se atopa nunha “situación de alegalidade” ao estar en vigor pola aplicación da doutrina de feito, sen prórroga nin licitación.
A este respecto, os populares preguntarán no vindeiro pleno ordinario se hai algún avance en relación ao proceso de tramitación administrativa, cal é a previsión de cara á súa conclusión e cando pensa o goberno municipal iniciar o procedemento para a adxudicación do contrato.