O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio de BNG e PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central que garanta o cumprimento da Lei de cadea alimentaria para evitar a venta a perdas dos gandeiros galegos, que recoñeza os resultados económicos da Conta Láctea ou outras aplicacións para a acreditación do custo efectivo da produción e facilite a constitución de organizacións de produtores lácteos axeitada ao tamaño das explotacións galegas. Así mesmo, demándase ao Goberno galego impulsar campañas de concienciación ao consumidor final sobre o papel esencial do sector primario, reforzar a promoción dos produtos lácteos galegos, apoiar a demanda de base territorial dos gandeiros e axilizar a constitución do Observatorio Lácteo Galego.
A portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia, subliñou que o Goberno galego “ten un claro compromiso co sector lácteo” e referiuse en concreto ao desenvolvemento da estratexia de dinamización deste sector, “que aposta por consolidar unha relación equilibrada entre gandeiros, industria e distribución para que o valor xerado se reparta de xeito harmónico e tamén equilibrado”.
“Unha estratexia que busca consolidar Galicia como unha das principais rexións lácteas de Europa pero cun alto nivel de competitividade, sustentabilidade e capacidade de resiliencia”, manifestou Elena Candia. En concreto, avogou por aumentar a base territorial das explotacións gandeiras, “un obxectivo que se inclúe na recién aprobada Lei de recuperación da terra agraria galega con instrumentos como os polígonos agrogandeiros, os procesos de reestruturación parcelaria e a ordenación de usos especialmente importantes nas zonas de produción leiteira”.
Candia tamén se referiu “á importancia das axudas aos plans de mellora ou á incorporación de mozos e mozas á actividade agrogandeira”, que no vindeiro orzamento da Xunta para 2022 disporán de 72 millóns de euros.
RELACIÓN EQUILIBRADA
“Pero o importante é acadar unha relación equilibrada e ser capaces de reforzar a posición negociadora dos nosos agricultores e gandeiros”, indicou a portavoz popular. Neste punto, salientou a posta en marcha da aplicación Conta Láctea a través da que os gandeiros poden calcular os seus custos de produción e levar unha contabilidade rigorosa das explotacións lácteas.
Para rematar, Elena Candia asegurou que “o consumidor final tamén resulta clave”, polo que considerou necesario que “sexamos capaces de que perciba todo o traballo que leva consigo a produción láctea galega e a garantía de que o noso leite responde aos maiores estándares internacionais de calidade, de benestar animal e seguridade alimentaria”.
“O consumidor final ten que valorar o esforzo, traballo e entrega que hai detrás de cada litro de leite, e ten que saber recoñecer a resiliencia e sacrificio dun sector que foi adaptándose a moita normativa nos últimos anos e que sufriu moitas veces decisións equivocadas de gobernos”, sinalou.