Partido Popular de Lugo

Os senadores populares piden explicacións ao Goberno ante a escaseza de examinadores da DGT na provincia que xera “listas de espera para obter o carné de conducir”

Os senadores do Partido Popular na provincia – José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano- piden explicacións ao Goberno ante a escaseza de examinadores da DGT que provoca listas de espera na provincia para poder realizar o exame práctico para obter o carné de conducir.

 

Os senadores advirten dun problema que sofren centos de lucenses. “No mes de setembro había 1.500 persoas na provincia de Lugo esperando, segundo os cálculos das asociacións de autoescolas galegas”.

 

No caso de Lugo, unicamente hai seis examinadores para dar servizo a toda a provincia, dos cales dous se ocupan de tarefas administrativas, polo que soamente son catro os examinadores da DGT dedicados a avaliar os exames prácticos para a obtención do carné de conducir.

 

É por iso polo que preguntan como xustifica que só haxa seis examinadores da DGT dando servizo a toda a provincia de Lugo. E, igualmente, queren coñecer que está a facer a Dirección General de Tráfico ante a falta de reposición de persoal examinador en toda España e, particularmente, na provincia de Lugo.

 

Prexuízos para autoescolas e usuarios

Os representantes populares da provincia na Cámara Alta chaman a atención sobre esta situación non só está a xerar un colapso nas autoescolas e un prexuízo nos usuarios; senón que, ademais, “está mesmo provocando que haxa persoas que estean a perder traballos ou a posibilidade de presentarse a oposicións por non poder obter o carné de conducir debido á falta de examinadores”.