O PP de Vilalba demanda “rigorosidade” na xestión municipal e, máis especialmente, cando se trata de aprobar unha modificación de crédito de 850.000 euros. O Grupo Municipal Popular abstívose na votación do pleno extraordinario convocado para este luns debido a que “o goberno local aportou documentación incompleta que nos impide coñecer que facturas se van pagar con esa cantidade. Tratan de gobernar con trampantojos e mentiras e isto é un exercicio de falta de transparencia extremo”.
“O Grupo Municipal Popular non se opuxo porque queremos que os provedores cobren o que se lles debe; pero non podemos apoiar este exercicio de falta de transparencia extrema nin asinar cheques en branco”, expuxo a concelleira Agustina Fernández.
A popular explica que “despois de recibir o venres documentación incompleta tivemos que pedir explicacións e, finalmente, convocouse unha reunión dúas horas antes do pleno para dar explicacións. Foi entón cando o goberno local achegou 264 facturas, pero non todas”. Os populares tampouco dispoñían do informe de intervención para coñecer se esas facturas contaban ou non con reparos.
Fernández considera, ademais, o feito de convocar dous plenos extraordinarios en menos de 20 días unha declaración de intencións: “deixan claro que non teñen intención de levar a pleno os orzamentos municipais porque colan partidas a través de modificacións de crédito”.
A este respecto, os populares lembran ao goberno do PSOE que está en minoría e que debería dialogar coa oposición para chegar a acordos e non empregar este modelo que debería ser excepcional. “Pero o PSOE goberna por decreto de alcaldía, sen ningún tipo de transparencia: agora fan o contrario do que pedían cando gobernaba o Partido Popular”.
Ante o voto favorable de Vilalba Aberta tras chegar a un acordo, Agustina Fernández considera que “PSOE e Vilalba Aberta parece que están nun campionato a ver quen sae mellor ante a opinión pública”. E lembra que “é lícito pretender sacar rédito político, pero non se poden dar cheques en branco. Ademais de lealdade institucional, debe haber seguridade institucional”, conclúe.