O discurso socialista tropeza cada día coa realidade, cos teimudos feitos da súa maneira de gobernar. Falan de transparencia e practican o ocultismo; falan de participación e evitan por todos os medios contar coa oposición. Isto, que é a tónica xeral na Deputación de Lugo, presidida por José Tomé (PSOE), volveuse poñer de manifesto na elaboración do orzamento da Deputación para o próximo exercicio económico. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O Grupo Provincial Popular quere denunciar o ocultismo, a falta de transparencia e de seriedade do goberno provincial, unha vez máis”. Explica: “Dicimos isto porque o presidente da Deputación presentou os orzamentos para o 2022 no Pazo do Hórreo (no Parlamento de Galicia) o 4 de novembro e ata 18 días despois o grupo provincial popular non puido ter acceso a esa documentación, xusto dous ou tres días antes da celebración das reunións das comisións”.
Castiñeira pregúntase que quere ocultar o goberno da Deputación, por que os deputados do PP non poden dispoñer da documentación moito antes para poder facer unha análise rigorosa, dunhas grandes contas “que entendemos son fundamentais, que son os da recuperación”. O portavoz popular di: “Por que todo á presa, por que non se nos chama a pesar de que nos ofrecemos moitas veces; por que non se conta co partido maioritario, que representa a 67 corporacións (32 alcaldes)”.
O portavoz popular di: “É penoso e lamentable. Ofrecémonos para colaborar nestes orzamentos, para dar as nosas opinións; de feito, démolas, fixemos propostas. Agora temos que estudar se algunha delas está dentro deste orzamento. Temos dous días, moi pouco tempo para traballar sobre un documento tan importante. Lamentable, señor Tomé; así non”.