Partido Popular de Lugo

Os populares reivindican a A-56: “continuaremos defendendo con contundencia o que é noso”

Os populares reivindican a A-56, unha infraestrutura irrenunciable para o suroeste da provincia afectada tamén polo mal estado da N-540. “Continuaremos coa folla de ruta, actuando con contundencia na defensa do que é noso e que queremos que sexa unha realidade o antes posible”. Así o concluíron tras un encontro de traballo en Chantada no que analizaron a resposta que a Ministra ofreceu ao senador e alcalde de Chantada, Manuel Varela, esta mesma semana no Senado. A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, senadores das provincias de Lugo e Ourense, e alcaldes dos concellos afectados aproveitaron para coñecer in situ o mal estado da estrada nacional N-540.

 

Os populares deducen da contestación sobre as previsións do Goberno de Sánchez para rematar a autovía que permitiría conectar Lugo e Ourense, as dúas capitais de provincia sen conexión deste tipo, que “non hai compromiso para facer a A-56: os ínfimos investimentos anunciados non permiten avanzar nos tramos da autovía na provincia de Lugo. É unha mala nova para os veciños dos concellos da zona, abandonados polos socialistas da provincia, que están ausentes”. Nesa liña, Candia remarca que “é irreparable o dano que está facendo o PSOE na nosa provincia” e pon como exemplos a industria e, neste caso, as infraestruturas.

 

Os populares xa teñen manifestado que non renunciarían a completar a A-56 tal e como estaba proxectada, como autovía. “É unha vía imprescindible como eixo vertebrador do interior de Galicia e que, ao mesmo tempo, permitiría a conexión entre o Norte de Portugal, a comarca do Ribeiro e o norte peninsular mediante vías de altas capacidades”.

 

Impulso á A-56 co Goberno do PP

Os senadores lembraron que “foi o Goberno presidido por Mariano Rajoy o que tomou en serio este proxecto investindo entre o 2015 e o 2018 as maiores cantidades para facer posible o tramo que actualmente está en funcionamento -entre os municipios de Vilamarín e Carballedo-”. É máis, o senador e alcalde de Chantada, Manuel Varela, considera que: “se nos anos 2019 e 2020, o Goberno socialista investira o mesmo que nos dous anos anteriores o Goberno do PP -máis de 26 millóns de euros-, estaría rematado outro tramo máis da autovía”.

 

Tanto deputados coma senadores teñen denunciado en varias ocasións a paralización desta autovía que “supón un grave prexuízo para veciños da zona e tamén empresas vinculadas ao transporte que, aínda por riba, sofren a diario o mal estado da estrada nacional alternativa, a N-540, co firme en mal estado, liñas desdebuxadas e que resulta perigosa en determinadas zonas nas épocas de xeada”.

 

Os populares reclamaran en abril o seu arranxo “sumándose ás demandas dos veciños” e presentaron iniciativas no Parlamento de Galicia, onde o PSOE votou en contra desta reclamación, e na Cámara Alta onde o Goberno evitou comprometerse a dar unha solución de forma urxente.

 

Tamén se atopa paralizado o intercambiador de Guntín -que permite comunicar a A-54 (Lugo-Santiago) coa N-540- porque “cos PGE elaborados polo Goberno de Pedro Sánchez desapareceron as consignacións para este proxecto”.