Partido Popular de Lugo

Os populares abordan en Cervo a situación de “incerteza” de Alcoa e a “falta de implicación e incluso o desprezo dende o PSOE e o BNG”

A presidenta provincial do PP, Elena Candia; e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro; participaron xunto ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, nunha reunión con afiliados e colaboradores do PP local para agradecerlles todo o seu traballo, “imprescindible para que o Partido Popular continúe a ser o partido de goberno no Concello”. Tamén explicaron “todo o traballo que estamos a facer dende as distintas institucións en apoio aos nosos veciños” e que “temos que trasladar á xente”.

 

Os participantes non puideron evitar amosar a súa preocupación ante a “incerteza” que vive A Mariña con respecto á planta de Alcoa e os postos de traballo que xera a única fábrica de aluminio primario de España ao ser un tema de “vital importancia”. Candia condenou, a este respecto, “a falta de implicación, de respostas e, incluso, o desprezo dos outros partidos que son autores e cómplices necesarios desta situación”.

 

“O PSOE está ausente, mentres o Goberno central do seu partido lle está a dar as costas aos mariñáns”, coinciden os populares. Villares lembrou que “o comité de empresa pediu aprobar o estatuto electrointensivo e non o fixo. Agora pide a intervención temporal da planta mediante a SEPI para vender a un terceiro comprador solvente que garanta a actividade e os empregos na fábrica e tampouco o fai”. De feito, hoxe mesmo a Ministra descartou intervir a fábrica. Candia apuntou tamén a responsabilidade do BNG, “o partido que apoiou converter a Sánchez en presidente a cambio dunha solución para Alcoa que aínda non chegou”.

 

Tamén se abordaron durante o encontro outros dos problemas que está a provocar na Mariña a política enerxética de Sánchez que “está levando a marchar a empresas -como Vestas- que xeran emprego na comarca”.

 

Falta de compromiso inversor por parte do Goberno de Sánchez

A popular condenou tamén “a falta dun compromiso inversor do Goberno de Sánchez que queda patente coa ridícula consignación nos PGE para o 2022 dirixidos á A-74, a autovía da Mariña”. En materia de infraestruturas viarias, a presidenta provincial do PP vén tamén de denunciar a parálise por parte do Goberno de Sánchez nas obras da autovía A-56 entre Lugo e Ourense. Por todo isto, Candia entende que “O PSOE está facendo un dano irreparable á nosa provincia”, conclúe.