Partido Popular de Lugo

O PP de Meira destaca o compromiso da conselleira de Medio Ambiente de programar unha nova ampliación do polígono en canto se execute a prevista en 2022

Se os orzamentos autonómicos demostran o compromiso da Xunta de Galicia con Meira, a implicación do goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo con este municipio vai aínda moito máis aló, como o demostra o anuncio feito pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, garantindo unha nova ampliación do polígono industrial en canto sexa executada a que se levará a cabo con cargo ao presuposto para o 2022. Así o indica o portavoz do PP en Meira, Carlos Veiga, despois da reunión que -xunto con membros do  partido en Meira e representantes de empresarios do municipio- mantivo o pasado fin de semana coa conselleira e a presidenta provincial do PP, Elena Candia.

 

No encontro, pasouse revista a distintas cuestións que afectan ao Concello de Meira. Nese contexto, a consellería anunciou que unha vez rematen as obras de ampliación do polígono empresarial previstas no orzamento da Xunta para o próximo exercicio económico, programarase unha nova ampliación. Deste xeito, a Xunta propicia a cobertura das necesidades de solo industrial de Meira, que, pola súa ubicación, constitúe un punto estratéxico para o asentamento de empresas. A presidenta provincial, Elena Candia, fixo fincapé na importancia de facilitar solo industrial para a creación de emprego e, polo tanto, para fixar poboación nos municipios do rural lucense.

 

Polo seu lado, o portavoz municipal, Carlos Veiga, destacou o compromiso da Xunta de Galicia co seu municipio. Nesta liña, lembrou que a administración autonómica destinará 515.000 euros no 2022 para a ampliación do polígono industrial. Expresou a satisfacción dos populares polo feito de que a conselleira garanta que haberá unha seguinte ampliación. Lembrou que a capacidade do parque empresarial de Meira está esgotada dende hai anos.

 

Veiga tamén puxo de manifesto que a Xunta investirá no próximo ano 300.000 euros na ampliación e mellora do PAC, que atende a residentes en seis municipios da zona.