Partido Popular de Lugo

Castiñeira pide ao goberno provincial un plan de choque para compensar aos concellos o incremento do prezo da enerxía e dos materiais de construción

A suba dos prezos da enerxía eléctrica e dos materiais da construción, froito da disparatada política enerxética do Goberno central, crea graves dificultades aos concellos, máis aínda debido a que a Deputación eliminou a posibilidade de prórrogas no Plan Único. A vista da actual situación, o portavoz provincial, Javier Castiñeira, sinala: “Pedimos ao goberno bipartito que convoque canto antes a todos os alcaldes da provincia para dar solución a este asunto; que chame tamén aos grupos da corporación provincial e que programa un plan de choque real, con medidas económicas adicionais para tratar de compensar a suba dos materiais de construción e da enerxía, ademais de medidas alternativas para flexibilizar a xustificación e evitar a perda de subvencións”. Os populares demandan tamén “un compromiso claro do presidente da Deputación para incrementar nos próximos  orzamentos o Plan Único 2022, para tratar así de corrixir as consecuencias da nefasta estratexia do Goberno central  con respecto á enerxía”.

 

Castiñeira lembra que os populares “levamos meses, incluso anos, avisando de que a nefasta política enerxética do Goberno influiría na subida dos prezos; a actualidade dános a razón”.  Á vista das circunstancias, o PP pide “á Deputación  de Lugo que non permaneza impasible diante deste problema, no que novamente vai chegar tarde, e que non esqueza que falamos dun problema que afecta a todos os concellos de Lugo, tanto pola  suba dos prezos  da enerxía como dos materiais de construción”.

 

O portavoz popular explica: “Recibimos queixas dos concellos porque teñen problemas para contratar obras, tanto do Plan Único 2021 como para poder xustificar  as do 2020. Os concellos quéixanse de que, aínda por riba, o goberno provincial eliminou nas bases para este ano as prórrogas que  eran tan necesarias; sempre, e máis agora. O feito de que non estean previstas prórrogas agrava a situación actual e no futuro próximo; este asunto debe ser reestudado, como queren os propios concellos”.

 

Castiñeira sinala: “A falta de previsión do goberno provincial diante deste asunto tan grave, a inacción que está a ter e o anuncio de conxelar o Plan Único fannos pensar que se poida dar un atranco na obra pública  na provincia de Lugo”.