O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, é incapaz de defender coa forza necesaria o papel protagonista que debería xogar a cidade do Cabe no futuro ao fío da chegada da alta velocidade ferroviaria a Galicia, por Ourense. Quizá porque carece no seo do seu partido, que goberna en España, do peso que parece querer atribuírse. En todo caso, por unha imperdoable falta de xestión de Tomé, Monforte perderá o seu carácter de centro neurálxico do transporte por ferrocarril que tivo durante decenios. O PP monfortino sinala que Tomé “pasará á historia porque sendo alcalde e presidente da Deputación entregou a Ourense o liderado en materia ferroviaria”.
A portavoz dos popular monfortinos, Katy Varela, di que é lamentable que a política do goberno local, pilotada por Tomé, se centre en obras e servizos sen máis ambición que a de obter réditos políticos a moi curto prazo. Neste sentido indica que Tomé gasta os cartos dos lucenses en repavimentar rúas sen intervir nas redes as infraestruturas, a pesar de que, por exemplo, a de subministro de auga está en tan mal estado que practicamente todas as semanas hai avarias.
Varela di que “a política de Tomé limítase a aquelas intervencións coas que cre que se amarra mellor á cadeira, unha maneira de gobernar que pode que lle dea bo resultado a el, pero é un desastre para o municipio, en xeral, e para a cidade en particular”. Coas previsións para os servizos ferroviarios, sinala a portavoz popular, “ben se pode dicir que Lugo queda incomunicado coa complicidade do alcalde de Monforte e presidente da Deputación”.