Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba aposta polo “contacto directo” cos veciños e continúa en Corbelle coas reunións coas asociacións

O PP de Vilalba continúa mantendo o contacto directos cos vilalbeses e vilalbesas e, na súa rolda de reunións coas distintas entidades asociativas do municipio, achegouse este venres a Corbelle para coñecer de preto os problemas, inquedanzas e necesidades dos seus veciños e veciñas.

 

“O Partido Popular de Vilalba está a carón dos veciños e, con esta reunión, damos continuidade ás xuntanzas coas distintas asociacións nas que escoitamos as súas propostas, analizamos asuntos de interese municipal e tamén informamos das distintas axudas das administracións públicas que lles poidan resultar de utilidade”, manifesta a presidenta da xestora e voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez.

 

Os populares aproveitaron a ocasión para coñecer de primeira man as melloras realizadas no local social da asociación de veciños de Corbelle tras obter unha subvención da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, correspondente á convocatoria do 2021 de axudas para investimentos dirixidas a entidades de participación cidadá de Galicia.

 

A intervención incluíu a adecuación dunha cociña completa: cociña, forno, mobles, extractora, quentador e fregadeiro. Igualmente instaláronse caldeiras de pellets en dous locais, unha no piso superior e outra na planta baixa, para que a estancia dos veciños sexa cálida e adecuada cando realizan actividades. O orzamento ascendeu a 12.841 euros

 

Sinalou: “A cooperación da Xunta coa asociación fixo posible dotar á casa escola dunha nova cociña e, polo tanto, dinamizar a actividade social da parroquia”. Engadiu que “os veciños e veciñas poderán usar estas instalacións para preparar merendas para as reunións dos maiores da parroquia de Corbelle”, destaca Vázquez.

 

A popular lembra tamén que “outras dúas asociacións de veciños de Vilalba se viron beneficiadas destas axudas da Xunta para obras e adquisición de equipamento: a de Carballido recibiu 17.000 euros e a de Goiriz, 12.300 euros”.