Partido Popular de Lugo

Candia asistiu á reunión informativa da xestión municipal de O Incio e pon como exemplo o traballo do alcalde, Héctor Corujo

A presidenta provincial do PP, a deputada autonómica Elena Candia, participou na tarde do venres nunha reunión con veciños de O Incio, na que o alcalde, Héctor Corujo, explicou as grandes liñas da xestión levada a cabo polo seu goberno.

 

Candia puxo a Corujo como exemplo de cara ao que debe ser o traballo dos populares para incrementar o número de alcaldías nas próximas eleccións locais, e, desta maneira, recuperar tamén o goberno da Deputación.

 

A presidenta provincial dos populares destacou que Héctor Corujo recuperou a alcaldía de O Incio. Dende o principio do mandato, sinalou Candia, levou a cabo o traballo necesario para cumprir os compromisos adquiridos cos veciños. Igualmente indicou que os resultados demostran que o goberno presidido por Corujo efectúa unha xestión eficiente e responsable.

 

Elena Candia lembrou que a dirección provincial do PP mantén unha estreita relación con todos os alcaldes e portavoces populares e directamente cos lucenses. O obxectivo é estar sempre preto dos cidadáns para buscar con eles as mellores solucións aos problemas aos que teñen que facer fronte.

 

O alcalde, pola súa parte, relatou algúns dos principais logros conseguidos na xestión do Concello. Entre eles, fixo referencia á aprobación do PXOM, navegabilidade de Vilasouto, a creación da ruta circular do embalse, así como á declaración de Trascastro como aldea modelo.

 

Corujo citou tamén a participación de O Incio no plan da Xunta de Galicia para a recuperación de soutos, así como a declaración como BIC da igrexa de Cruz do Incio. Na relación de logros tamén figuran a Casa Niño e a Casa do Maior, ademais da reparación da palloza do Val do Mao.