O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, considera “sorprendente que o alcalde poña paus nas rodas a un novo centro de saúde para Ribadeo. Non podo entender como un rexedor local pon tantos problemas para a mellora da sanidade pública no seu concello; especialmente cando só se lle pide a cesión dun terreo que si existe nun lugar céntrico e con boa conexión coa autovía”.
O popular explica que a construción dun novo centro de saúde continúa a liña de investimentos da Xunta para a mellora continua da sanidade pública. Incluso o proxecto recolle tamén a incorporación de novos servizos sanitarios en Ribadeo, ademais dos que están en funcionamento no actual centro de saúde:
– cinco consultas máis (dúas consultas técnicas para realizar ecografías, espirometrías, cirurxías menores ou dermatoloxía + dúas consultas para docencia + unha sala polivalente)
– un espazo máis para o programa da muller
– unha sala de hixienista dental
– un despacho de coordinación
– unha sala de estar para o persoal
– un dormitorio máis no PAC
– outra consulta no PAC
– unha sala de observación
– un box de críticos
– outro vestiario
– outro almacén
– espazo para o 061 (incluíndo aparcamento cuberto para as ambulancias)
– sala de estar
– dous dormitorios para o persoal de ambulancia
Vega defende que “isto é traballar por mellorar os servizos sanitarios” e pregúntase “que é o que fixo o alcalde neste sentido”. Agora que ten a oportunidade, o que debe facer é “ceder os terreos para a construción deste novo centro de saúde que, ademais, incorporará ao 061 nas mesmas instalacións e, de estar ben conectado coa autovía, reduciría o tempo de traslados ao Hospital da Mariña, nos casos nos que sexa preciso”.
O voceiro popular no municipio considera “lamentable minusvalorar a inversión máis importante dos últimos tempos no noso concello” e que “o alcalde envíe agora, unha vez anunciada a construción dun novo centro de saúde, unha carta á consellería de Sanidade para poñer problemas e non para aportar solucións”.
O Grupo Municipal Popular insta ao goberno local a “aportar rapidamente os terreos para que o novo centro de saúde en Ribadeo sexa unha realidade”.
Dificultades constantes
Vega condenas "as constantes dificultades que pon o goberno do BNG ás inversións da Xunta para Ribadeo”. A este respecto, sinala que “xa estamos acostumados a que o alcalde impida realizar melloras en Ribadeo: xa pasou coas axudas ás asociacións de veciños para mellorar os seus locais sociais e que, finalmente, tiveron que devolver por non poder acometer as obras ante a negativa do goberno do BNG a concederlles os permisos”.