As estradas que dependen da Deputación de Lugo son continúa causa de queixas dos lucenses polo mal estado na que se atopan a maior parte delas. En Castroverde, veciños e usuarios expresan as súas queixas pola paralización dos traballos na LU-P 1201, no límite con O Corgo. O portavoz popular, Javier Castiñeira, visitou o tramo afectado en compañía do portavoz do PP en Castroverde, Rubén Otero. Castiñeira sinala: “O grupo provincial do PP quere trasladar as queixas dos veciños de Castroverde pola paralización da obra da estrada provincial LU-P 1201, que une este municipio con O Corgo. Hai un tramo en obras e están paradas, o que é causa de moitas molestias a todos os usuarios desta vía”.
O portavoz popular indica que “non se entende que os traballos estean parados e creando problemas”. Considera que “é dubidosa a seguridade neste tramo”, dado que provisionalmente é preciso circular por unha calzada moi estreita.
Os populares fanse eco da preocupación dos veciños máis directamente afectados diante da posibilidade de que esta situación se prolongue, porque “co inverno empeorarán as condicións meteorolóxicas, haberá lama e a calzada estará aínda máis perigosa”.
Castiñeira di: “Reclamamos do goberno provincial que canto antes retome estas obras, das que é responsable, e que cumpra os prazos que tiña establecidos.