Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pedirá no Parlamento que a Xunta recorra a resolución que recoñece tamén a denominación “Ría del Eo” para a Ría de Ribadeo

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, defende a designación de “Ría de Ribadeo” e, nese sentido, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para instar á Xunta de Galicia a presentar recurso contra a Resolución do 29 de outubro de 2021 do Instituto Xeográfico Nacional que recolle o nome alternativo “Ría del Eo” co mesmo nivel de oficialidade que o de “Ría de Ribadeo” para a ría na que desemboca o río Eo.

 

Vega explica que “esta resolución contradí o principio da ONU que obriga a que en todo o mundo para cada lugar ou accidente xeográfico haxa un único topónimo. E esta  lexislación internacional é de obrigado cumprimento para España”, remarca.

 

A Xunta de Galicia xa ten enviado ao Goberno central a valoración e o informe solicitado polo Consello Superior Xeográfico, dependente do Instituto Xeográfico Nacional (Ministerio de Fomento), que é o organismo encargado de decidir sobre os topónimos que afectan a máis dunha comunidade autónoma e que xa en 2008 ditaminou que o nome oficial desta ría era “Ría de Ribadeo”.

 

Vega convida á Xunta a “seguir liderando o proceso de defensa da designación patrimonial do topónimo oficial”. De feito, o Goberno galego foi a primeira administración en reaccionar trala solicitude do Principado de Asturias realizada ao Goberno central para o recoñecemento oficial do topónimo “Ría del Eo” traballando  coa Comisión de Toponimia de Galicia.

 

Este órgano de estudo, asesoramento e consulta da Xunta para determinar as formas oficiais da toponimia galega, ditaminara no ano 2006 que a denominación Ría de Ribadeo fora a única oficial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que o Goberno da Xunta de Galicia instara, en todos os estamentos estatais e internacionais competentes, o mantemento exclusivo deste topónimo nos documentos e cartografía onde xa figura actualmente ou a substitución do topónimo Ría del Eo/ Ría do Eo polo de Ría de Ribadeo naqueles que optaron por esta denominación. “A Comisión de Toponimia de Galicia volveu insistir nos mesmos argumentos do seu ditame do ano 2006, pero agora é máis completo, se cabe, porque conta con máis achegas documentais e filolóxicas”, engade o popular.

 

O popular especifica algúns dos criterios que reafirman o topónimo Ría de Ribadeo: “é a denominación máis antiga, ademais de ser a xeral na cartografía de todos os tempos e a exclusiva ata o século pasado, o XX”. Recorda o popular, así mesmo, que “as rías  son mar que entra terra dentro, por iso non reciben o nome dos ríos que achegan auga, senón daquela vila que antes ou mellor consolidou porto de mar. Por iso dicimos ría de Vigo, e non do río Verdugo, ou ría de Arousa, e non do río Ulla, por exemplo”.