Partido Popular de Lugo

Óscar Rodríguez, elixido presidente do PP de Viveiro

Óscar Rodríguez vén de ser elixido presidente do Partido Popular de Viveiro. O popular asume así a dirección do partido, na que estará acompañado de María del Carmen Gueimunde González na secretaría xeral e por Teresa Pérez Rodríguez Seijo na subsecretaría xeral.

 

Nas súas intervencións, o novo presidente local do PP sinalou cales son os seus principais obxectivos, tanto en canto ao partido en si como na relación deste coa sociedade. En canto ao partido, Rodríguez destacou que quere incrementar a súa base, ensanchar a organización, mediante a incorporación de novos afiliados, unha tarefa na que xa se dedicou con intensidade dende que asumiu a portavocía municipal. Nesta liña, indicou que ten especial interese en incorporar a mozos e mozas ás filas do partido.

 

O novo presidente indicou que pretende fomentar a participación dos afiliados na vida da organización, para lograr un maior dinamismo. A participación tamén a enfoca en relación coa sociedade. Neste sentido apuntou que se intensificará o traballo a pé de rúa, á carón dos veciños de Viveiro, para coñecer aínda mellor as súas inquedanzas e buscar as solucións máis acaídas para mellorar a súa calidade de vida.

 

En síntese, Rodríguez proponse lograr un PP de Viveiro aínda máis unido, máis activo e motivado para buscar solucións aos problemas do concello. Neste sentido, o novo presidente popular fixo un recorrido polo estado do municipio, no que dixo, nestes últimos anos nada se fixo polo goberno local que supoña sentar as bases para o Viveiro que desexan a inmensa maioría dos veciños. Así lembrou que segue atascado a redacción do plan xeral de ordenación municipal; a rehabilitación dos casco histórico carece de programa para levala a cabo; a promoción turística apenas existe e a protección e promoción do patrimonio non pasa de ser un desexo.

 

Na mesma liña, Óscar Rodríguez lamentou a falta de políticas municipais de apoio á industria de Viveiro. Aludiu á grave situación pola que atravesan Alcoa e Vestas e lembrou o apoio e as iniciativas populares en defensa destas industrias de A Mariña.

 

Rodríguez destacou o pouco peso da alcaldesa no seu partido (PSOE), que se traduce no escaso apoio que presta a Deputación a Viveiro e na falta de respostas adecuadas por parte do Goberno central aos problemas da industria en A Mariña. Criticou que a alcaldesa de Viveiro votara na Deputación contra a proposta do PP de incrementar nun 25% o Plan Único, porque suporía un importante incremento da cantidade que lle correspondería a este municipio no 2022.

 

En contraposición ao desinterese dos gobernos socialistas, Rodríguez destacou os investimentos que leva a cabo en Viveiro a Xunta. Nesta liña indicou os investimentos previstos para o municipio nos orzamentos autonómicos para o próximo exercicio. Así asegurou que os únicos investimentos con transcendencia no municipio corresponden a Xunta de Galicia.

 

O novo presidente do PP afirmou que este partido é a única alternativa de goberno fiable en Viveiro. Para alcanzar a alcaldía, sinalou Rodríguez, será necesario que a organización funcione perfectamente engraxada. Comprometeu o seu esforzo e o de todo o seu equipo en crear as condicións para que a alcaldía de Viveiro pase nas próximas eleccións a mans do PP.

 

O novo equipo directivo, segundo expresou Rodríguez, comprométese a traballar arreo, con plena ilusión e humildade, para conseguir os obxectivos que se marcou. Agradeceu o respaldo da militancia e afirmou que nin el nin os membros do seu equipo lles fallarán.

 

Arroupado pola dirección provincial e autonómica

Óscar Rodríguez estivo arroupado pola presidenta do partido a nivel provincial, Elena Candia, e polo vicesecretario de Participación do PP nacional, Jaime de Olano; ademais de polo secretario Xeral do PPdeG, Miguel Tellado; así como por outros cargos orgánicos a nivel provincial e con ampla representación nas institucións. Foi o caso do secretario xeral, Javier Nodal; do de Organización, Javier Vázquez Prado; do coordinador xeral, José Manuel Balseiro; e de deputados e outros membros do Partido Popular da provincia .

 

A máxima dirixente na provincia felicitou a Rodríguez e ao seu equipo, depositando neles “a confianza absoluta da dirección provincial para que Viveiro volva a ter un goberno do Partido Popular”. Este cambio, dixo Elena Candia, “comeza neste preciso momento e ten que verse recompensado nas urnas dentro de ano e medio”. Para elo, Candia púxose a disposición da agrupación local, indicando “que somos máis necesarios ca nunca”.

 

Loitar pola industria de A Mariña

A popular manifestou a importancia do cambio queprecisa Viveiro, pois “todos sabemos, ademais, como está a Mariña; todos sabemos que o Goberno central o que fai é dar as costas a Alcoa, a Vestas e, mentres, a nosa comarca polo único que é noticia a nivel nacional é pola destrución de emprego”.

 

Neste senso, Candia lembrou que o Grupo Parlamentario Popular presentou unha emenda aos Orzamentos do Estado de 2022 para que se cree un Fondo na SEPI para a triangulación da venda da factoría de Alcoa, por importe dun euro, para garantir o cumprimento tanto do compromiso asumido polo Goberno de España cos traballadores da planta como o acordado por unanimidade no Parlamento de Galicia e no Congreso. A líder popular esixiu que “o Executivo socialista interceda a través da SEPI para que a venda de Alcoa sexa efectiva e garanta, sobre todo, o mantemento da empresa e os empregos que xera”.

 

En canto a Vestas, “hai que salientar que a Xunta de Galicia ten contactos con empresas que poderían ser potenciais compradoras e, mentres, o Goberno central non está pola labor de buscar un comprador que garanta a continuidade da actividade e preserve o emprego na factoría de Viveiro”, sentenciou Candia.

 

 

Equipo ao completo

Ademais do cargos propios da dirección, Rodríguez crea oito vicesecretarías sectoriais que serán claves no traballo da agrupación municipal de cara a conseguir o obxectivo de chegar á alcaldía en 2023. Trátase da de Educación, Cultura e Deportes, que ocupa Javier Illán; a de Benestar Social, que dirixirá Cristina Goás Fernández; a de Medio Rural e Parroquias, que desempeñará Carlos Martínez Fernández; a de Economía, Industria e Mar, Eva Novo Portilla; a de Comercio, Cristina García Lage; a de Viveiro Urbán, Pablo Varela Sánchez; a de Obras e Medio Ambiente, Vicente Vázquez Caho, e a de Comunicación, Cristina Rodríguez Suárez.

 

Ademais contará cos seguinte vocais: Mª Luisa Alonso Vilasuso, Camilo Arias Rial, Antonio Fabián Cazás García, Francisco José Cora Fernández, Jaime de Olano Vela, Luis Vicente Fernández Osorio, Alejandro Gómez López, Jorge Gómez Santos, Francisco Leal Fraga, Verónica Mantilla Rodríguez, Valentín Mera Sánchez, Mª Inmaculada Nespereira Domínguez, Domingo Néstor Otero Seara, Francisco Rivera Trobo, Marco Antonio Sierra Peláez, José Ramón Soto Martínez e Javier Teijeiro Sánchez.

 

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, pon en valor que a institución provincial escoite as demandas que lle traslada o Grupo Provincial Popular; aínda que condena que “o goberno bipartito da Deputación tardara tanto tempo en dar inicio ás obras de mellora da seguridade viaria nesta estrada provincial que teñen demandado dende a corporación municipal en beneficios dos veciños e usuarios”.